Patrocinado porPatrocinado por

Óscar Chao: «No litoral da Mariña atacan pequenos grupos de lobos desprazados das mellores zonas»

SOSTENIBILIDAD

Óscar Chao, biólogo e docente
Óscar Chao, biólogo e docente CEDIDA

Biológo e docente que leva anos estudando a esta especie no norte de Lugo, este venres abordará na Pontenova a prevención dos ataques 

25 abr 2024 . Actualizado a las 10:04 h.

O biólogo Óscar Chao Penabad, da asociación Rebinxe, que naceu a partir do premiado proxecto do IES de Mondoñedo, participará este venres na Pontenova (casa da cultura, desde as 9.00 horas) nun curso sobre a prevención dos ataques da fauna silvestre, nun intre no que o debate sobre o lobo está en boca de todos. Intervirán tamén o científico do CSIC José Vicente López e representantes de Trafogal, nun encontro que organiza a agrupación de criadores Ovica.

—Para previr ataques do lobo é esencial coñecer a especie.

—Por parte de Rebinxe imos falar da súa bioloxía e comportamento, e das súas estratexias de caza, para que os gandeiros saiban a que enfrontarse e como xestionar o seu gando. Parece que deste animal coñecemos todo pero en realidade hai moito mito en torno a el.

—Cales son eses mitos?

—Estamos vendo, por exemplo, que colonizan novos territorios. Aquí non se contaba con ataques preto da costa e en ambientes humanizados, pero pasa. Tampouco se soe pensar en que ataquen preto das casas, pero coa despoboación do rural ocorre máis. Non é que non teman á xente, pero saben pasar desapercibidos. Hai quen teima en dicir que a Administración solta exemplares. Tamén existen faladurías sobre unha superpoboación cando son os propios lobos os que, chegado un punto, se autoregulan por falta de territorio. Iso pode estar a suceder aquí na Mariña.

—Está a haber un desprazamento?

—Unha vez os territorios con maior alimento e tranquilidade están ocupados, sendo zonas estables de cría e reprodución para as mandas, outros grupos recuperan outros sitios onde o lobo foi exterminado. Coa ampliación da superficie forestal, atopan cobertura e refuxio. Quenes atacan nas áreas costeiras e peores para eles son pequenos agrupamentos de dous ou tres exemplares, machos periféricos que só crearán manda de atopar femia. Buscan presas vulnerables: presas silvestres, crías, gando desprotexido...

—Nalgúns ataques na costa sorprendeu que non comesen todos os animais que matan, o que tamén aumenta o malestar.

—Ese é un grande problema coas ovellas. Non lles supoñen resistencia e para a caza, os lobos precisan un momento de excitación puntual que quizais provoque máis baixas das que eles rentabilizan. É entendible a desesperación dos gandeiros, pero os animais non matan por pracer.

—Hai bulos sobre a prevención?

—Considéranse medidas preventivas algunhas que non o son, como o uso de burros ou de bandeirolas.

—Existe moita controversia en torno á poboación do lobo, e mesmo censos con distintos resultados.

—O lobo está presente practicamente en todo o territorio galego, e no norte hai zonas de elevada densidade, especialmente onde hai cabalo. Sobre iso hai consenso científico. As cifras de mandas bailan un pouco entre o censo feito por Pedro Alonso e o encargado pola Xunta, pero iso é lóxico: depende das metodoloxías, do territorio que se abrangue...

—Rebinxe investiga tamén esta cuestión no norte de Lugo.

—Estamos pechando ese estudo, logo de analizar transectos para a recollida de mostras, excrementos ou rascaduras. De aí sacamos uns índices quilométricos de abundancia, que usamos para colocar cámaras coas que tentamos confirmar a estimación e ver a evolución dos grupos. Os nosos resultados van ser intermedios entre unha investigación e outra. Pero as variacións, baixo o meu punto de vista, non son tan significativas e non debemos poñer o foco nisto.

—Onde debemos centrarnos?

—O obxectivo debe ser reducir os danos. Convencer de que é necesaria unha convivencia co lobo a quen lle matan os animais é difícil, pero se logramos que haxa menos ataques haberá un menor conflito social. Temos que avanzar nas medidas preventivas e en comprobar a súa eficacia. Aí temos un campo de traballo enorme, con marxe de mellora. E en concretar opcións rentables, porque non todas as explotacións poden investir o mesmo.

—En que hai que facer fincapé se falamos da prevención?

—O primeiro no que incidimos é que en Galicia non hai case ningún lugar no que haxa risco cero de ataques ao gando. Polo tanto, é importante a prevención. Logo, os grupos non son todos iguais. Algunhas mandas están especializadas en atacar ao cabalo, como no Xistral, e outras en obter alimento no gando menor. Hai grupos carroñeiros. Saber o que tes ao lado da explotación é interesante. Nin os riscos non son iguais nin as medidas a tomar.

—Que recomenda?

—Non hai unha receita para todas as explotacións. Se falamos das bestas, os cans non acaban de funcionar e os montes comunais deses tamaños non se poden pechar, pois sería inviable economicamente. Trabállase en innovacións tecnolóxicas e incídese no manexo dos grupos. Hai investigadores que dan unha cifra do tamaño ideal, do número de cabalos de monte axeitado, para que se defendan mellor. Tamén sería unha opción que a Administración se implicase en incrementar a cantidade de individuos para que non sempre paguen a factura do lobo tres ou catro propietarios. Aí temos a materia máis difícil a aprobar. Para ovellas, cabras ou vacas, a combinación de cans con peches electrificados pode ser moi efectiva.

—Que «deberes» lle poñería á Administración?

—É importante que participe nestes foros, dos encontros entre todos saen as melloras. E é esencial que, máis alá das axudas, se asesore a cada gandeiro.