Oito cámaras de fototrampeo captan a vida da fauna no Xistral

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

MONDOÑEDO

cedida

Rebinxe é un proxecto que amosa a realidade das especies e do mundo rural

29 may 2020 . Actualizado a las 22:40 h.

O Proxecto Rebinxe nace hai dous anos e medio das mans do profesor de Bioloxía do instituto San Rosendo de Mondoñedo Óscar Chao, da súa compañeira de departamento, María Penalta e dun grupo de alumnos. Querían facer unha actuación para recuperar unha curuxa que vivía nun alpendre. Entón, fixeron unha caixa niño e comezaron a traballar nun proxecto que viu a luz como un traballo de investigación sobre a fauna asociada ao medio agrícola e gandeiro. Rebinxe é o acrónimo de Recuperación da Biodiversidade da Biodiversidade na Xeografía Rural, pero tamén significa ‘rebelde’. Unha palabra que define o comportamento da fauna salvaxe, pero que tamén fala do espírito aventureiro destes docentes e dos seus alumnos.

Tres subproxectos

Agora mesmo, dende Rebinxe hai tres subproxectos. O primeiro trata de fomentar o control natural de pragas investigando a presenza de fauna ligada ao home e á agricultura para evitar o uso de biocidas. «Chamámoslle proxecto ‘Cadullos’ e investigamos especies como aves que depredan sobre roedores, por poñer un exemplo», explica Óscar. Entón, fan unha labor de investigación da distribución destes grupos de especies e divulgan os beneficios entre a xente que ten explotacións. «Hai moitos mitos e lendas en contra destes animais», engade o docente. Ademais, constrúen caixas niño ou refuxios que colocan nas explotacións para que unha determinada especie se instale e controle así unha determinada praga.

O segundo subproxecto é un traballo de investigación sobre a zona do Xistral. Chámase ‘O da la miúda’ porque o lobo ten moitos nomes que tentan substituír ao substantivo. Aínda hai quen sente que dicindo en voz alta o substantivo se pode atraer a presenza do mamífero. «Traballamos con oito cámaras de fototrampeo que están no Xistral, con mostraxes e interpretación de rastros, para coñecer así a presenza dos lobos. Entón, creamos mapas con información xeográfica e facemos un seguimento», conta Óscar.

Alumnos do instituto de Mondoñedo
Alumnos do instituto de Mondoñedo

A terceira liña de investigación inclúe aos máis pequenos do instituto e leva por nome ‘A compañía da la miúda’. Inclúe aos animais que comparten hábitat co lobo, especialmente mamíferos de mediano e gran tamaño e incluso certas aves. Cas imaxes das cámaras, os rapaces aprenden como é a vida e cales son os hábitos de cada animal.

Máis de 50 persoas conforman ‘Rebinxe’. Os alumnos aprenden a realidade das especies, como previr ataques do lobo nas explotacións e a valorar tamén as especies máis esquecidas.