Adrián Capelo: «O territorio que nós coñecemos é resultado de moitos séculos de manexo activo»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

A fundación coordina o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto no que participan media ducia de entidades

21 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Con preto de dous millóns de euros de financiamento grazas á subvención concedida pola Fundación Biodiversidad do ministerio, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza está a pór en marcha un ambicioso proxecto en torno á xestión do territorio. Na iniciativa participan media ducia de institucións, entre elas comunidades de montes e universidades, coordinadas pola Fundación RIA. Dentro desta entidade, Adrián Capelo é o responsable da xestión do día a día dunha proposta que cualifica de «moi ilusionante» que mira ao pasado para sentar as bases do futuro.

—Como explicaría para quen non o coñeza en que consiste o proxecto do Laboratorio Ecosocial?

—Este traballo é a continuidade doutro anterior que iniciamos coa Universidade de Santiago, que pretendía coñecer os saberes locais que existían en materia de xestión do territorio. Ese foi o xerme do proxecto, en colaboración co grupo Histagra da USC, a Fundación Banco Santander e a Juana de Vega, fixemos moitas entrevistas a moitas persoas de varias comunidades distintas que nos permitiron recompilar todas esas aprendizaxes sobre a xestión e aproveitamento do monte que dalgún xeito foran denostadas durante a ditadura a través da industrialización dos montes. Pero desde o comezo o proxecto non se quería quedar só no plano da investigación destes coñecementos, senón ademais darlles visibilidade e aplicalos. E aplicalos hoxe para apoiar iniciativas que existen no territorio.

—E aí é onde entran as comunidades de montes no proxecto.

—Si. Para dar ese apoio o primeiro era coñecer esas iniciativas existentes no territorio e fixemos unha convocatoria que chamamos Proxecto Semente. Iso o que nos permitiu foi coñecer a existencia de numerosas iniciativas das que non tiñamos nin idea e que dalgún xeito recollían esas aprendizaxes do pasado e as poñían en práctica. Todo ese proceso permitiunos coñecer a Plataforma en Defensa do Monte de Rianxo, que crearon oito comunidades de montes tralo gran incendio do 2019. Esta asociación aproveitou a oportunidade para traballar conxuntamente na planificación dos seus espazos de monte coa idea de previr lumes no futuro e asinaron un documento que pretendía establecer un modelo de futuro cara o que querían camiñar, un modelo no que había una xestión activa do territorio. Parécenos que ten moito valor que a protección do medio ambiente e a xestión do monte non sexa unha cuestión exclusivamente contemplativa porque o territorio que nós coñecemos é o resultado de moitos séculos de manexo activo por parte das comunidades locais. Se ese manexo deixa de suceder, o que nos queda é abandono, lumes forestais e tamén a perda de oportunidades laborais.

—A partir de aí foron sumándose ao proxecto novos socios, foi un reto acadar consensos entre tantas entidades tan dispares?

—Si, pero é un reto moi grande no que todas as entidades participantes reman a favor e iso axuda moito, a pesar das dificultades que poida implicar participar neste tipo de proxectos, porque ao final hai que adiantar o financiamento para a execución das distintas accións e para algunhas entidades é complicado poder facer iso.

—É un proxecto amplísimo, como se xestiona no día a día?

—Cada unha das entidades faise cargo dun determinado grupo de acción e é responsable da súa execución. Hai un labor de coordinación pola nosa parte, pero as entidades teñen moita autonomía á hora de plantexar os seus calendarios para a implementación das distintas accións: traballos forestais, accións de voluntariado ambiental, formacións, divulgación nos centros educativos, estudos científicos sobre a rehabilitación de solos degradados... O noso traballo tamén é poñer en relación as distintas actuacións. As accións que se fan non son independentes, senón que se nutre unhas doutras.

«A nosa idea é que isto puidese plantar a semente, de xeito que teña continuidade no futuro»

O proxecto está vinculado á axuda concedida pola Fundación Biodiversidade, que ten data de caducidade. Porén, a intención de todos os actores que participan no Laboratorio Ecosocial do Barbanza ten o propósito de que as accións a implementar teñan futuro.

—Hai fondos para traballar ata finais do 2025, e despois desa data que?

—É unha pregunta que xa xurdiu durante o desenvolvemento da proposta. A nosa idea é que isto puidese plantar a semente, de xeito que teña continuidade. Pensamos que pode ser o comezo de algo no que as comunidades poidan probar distintas alternativas de aproveitamento do territorio e a partir de aí continuar coas que teñan viabilidade. A idea que temos xunto coas comunidades é que durante estes dous anos se poidan probar todas as accións incluídas e validalas. As mesmas entidades xa nos están transmitindo que ao que queren é darlle continuidade.

—O plantexamento de partida xa era ese, mirar ao pasado para planificar o futuro...

—Claro, o obxectivo é dar pasos para que ese futuro vaia sendo unha realidade. Agora aínda estamos poñendo en marcha o proxecto, hai moitos trámites administrativos que realizar, pero é moi ilusionante ver que se vai avanzando e que esa realidade cada vez está máis cerca.

—Na presentación do proxecto falouse da aspiración que ten esta iniciativa de converterse en modelo para outros territorios, e incluso se dixo que debería ser unha icona a nivel europeo, isto de ser un referente continental mete moita presión?

—Non, todo o contrario, é moi ilusionante. Porque ao final pensar que aquí podemos traballar coas comunidades locais dun xeito que poida sentar un exemplo de que xuntas son máis fortes e de xestión comunitaria do territorio, coñecer que estas entidades teñen unha capacidade tan grande de transformar positivamente o noso rural é realmente moi alentador.