Roberto Vilar: «A vida ensinoume que ser de aldea é igual que ser de Chicago»

YES

CEDIDA

Leva, e confesa que «a moita honra», 30 anos vivindo de «pintar a mona». Que non é cousa menor. A efeméride ben merecía unha «Celebreixon». E así titulou o espectáculo co que a partir do día 20 percorrerá os teatros galegos. Roberto Vilar en estado... impuro?

16 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao igual que Balbino, Roberto Vilar (San Cristobo, Xove, 1971) foi «un rapaz de aldea, coma quen di, un ninguén». Condición que non esquece. «Custoume superar certos complexos, pero cada vez sinto máis orgullo de ser de onde son», confesa. Apunta tamén que foi unha mestura de talento e sorte o que o levou moito máis arriba do que nunca puido imaxinar. Neste 2024, celebra 30 anos no mundo da comedia e do audiovisual e faino con Celebreixon, un espectáculo co que xirará polos teatros galegos [entradas en robertovilar.com], do que poucas pistas anticipa. «Non as dou porque será algo completamente inesperado. A xente vai flipar porque vai ir agardando algo e vai atopar unha cousa totalmente diferente. Algo completamente loco. O que si che digo é que levamos catro meses ensaiando 25 persoas».

—Non se parecerá, entón, ao que estamos afeitos a ver na televisión?

—É un espectáculo de comedia, basicamente. Pero nun formato que, polo menos eu, non vin nunca. É moi persoal.

Adiántoche outra cousa. Escollín os 150 gags que a min máis me gustan da miña traxectoria e vounos meter no show, para que sexa como un resumo destes 30 anos. E en cada cidade vou ter un convidado sorpresa. Alguén da música, da comedia, da interpretación... A min o que me gusta é que o espectador sente no teatro e diga: «Ostia!, eu non paguei para ver isto, pero mola». De feito Eu non paguei pra ver isto foi o primeiro título que barallamos.

—Haberá participación do público? É algo case inherente a ti.

—Sabes que pasa? Que eu cando vou ao teatro non me gusta que o artista me veña molestar á platea. Entón, aínda a día de hoxe, non sei se facelo ou non. É certo que forma parte do meu humor meterme coa xente, pero nun teatro paréceme un pouco invasivo. De momento, a miña idea é non molestar ao público. Peeeero non sei como acabará.

—Que descubriches ao botar esta ollada cara a 30 anos atrás?

—Basicamente, descubrín e fun consciente da sorte que tiven. Estar 30 anos pintando a mona e vivindo moi ben disto da comedia é algo descomunal. Trinta anos vivindo do que che gusta e, sobre todo, trinta anos gustándoche do que vives... É brutal! Por suposto que traballei. Moitísimo. Pero hai moita xente que traballou máis ca min e non tivo esta sorte.

—Nestes 30 anos tanto o audiovisual como a comedia viviron unha revolución absoluta. Como te fuches situando en cada contexto?

—Eu vivín dúas revolucións. A primeira, a tecnolóxica. Que leves os contidos no bolsillo... Iso é tremendo. Supuxo un cambio radical. E agora hai tamén unha revolución dos contidos. Había moita máis liberdade creativa antes. E non o digo porque alguén coarte a liberdade, que tamén pode ser. Dígoo porque nós mesmos, os creadores, cada vez temos máis medo a facer isto ou o outro por se podes meter a pata. Eu cando empecei non existía nada diso. Ti ías por onde escollías e acertabas ou equivocábaste, sen máis. Eramos máis libres respecto a nós mesmos. 

—Hai límites, entón, para o humor?

—Si, claro. Hai límites para todo. Hai menos liberdade de expresión para todo o mundo. Porque, realmente, a liberdade de expresión é que eu poida dicir algo que che moleste. Se vou dicir algo que non che molesta, para iso non preciso liberdade de expresión. Pero agora ninguén quere molestar, porque tes medo.

—Ti tes molestado moito?

—Non, eu creo que non... [queda pensando]. Ou si, non sei [ri]. En 30 anos habería de todo. Pero eu son dos que pensan que a intención do cómico tamén ten que ser a de molestar un pouco.

—Dicía non hai moito David Amor en La Voz que o humor galego non existe. Concordas?

—Non só existe, senón que é o mellor do mundo. E isto é algo obxectivo. Non é unha opinión, é información. Sánchez Dragó dixo que Andalucía tiña sentido do chiste pero Galicia tiña sentido do humor. E é certo. O galego ten un sentido do humor descomunal. Se ben procura non mostralo. Explotar as virtudes nunca foi unha das nosas virtudes [ri]. Que sexa fácil de exportar? Iso xa non o sei.

—Ti tiveches unha experiencia e non resultou de todo positiva. Tivo algo que ver o de que non entendan o noso sentido do humor con que non funcionase o teu programa en Antena 3?

—Eu uso a autocompracencia e intento pensar que eu en Madrid nunca fixen humor galego. Alí nunca fixen o meu porque nunca me deixaron. En Madrid todo foi «fai isto e isto e faino con este e con este». Nunca cheguei a ser eu. A sorte que eu teño en Galicia é que ninguén me di «fai isto». Eu en Land Rober fago o que me dá a gana. Sempre o fixen. Con isto non quero dicir que, se tivese feito o meu en Madrid, funcionara.

—Volverías intentalo?

—Si, claro. Eu o de Madrid véxoo como un soño cumprido, como un éxito. Eu nacín nunha aldea remota. Quen me ía dicir a min con 10 anos que eu ía ter un programa en Antena 3 que levara o meu nome? Iso para un rapaz de aldea era completamente impensable. Pensabamos que aquilo non estaba feito para nós. Que nós tiñamos que andar alí coas vacas ou ir ao Gran Sol como foi meu pai. Así que eu entendo todo o que pasou en Madrid como un éxito brutal. Despois que funcionen as cousas ou non..., iso xa é outro deporte. Pero o de Madrid non me deixou secuelas porque eu xa ía co ego moi saciado. Ao mellor se che colle máis novo e vés que o teu non gusta, aí si que podes quedar tocado.

—Ademais, foi volver a Galicia e situarte de novo no mesmo lugar no que estabas antes de marchar.

—Menos mal. Iso si que tivera sido unha boa ostia. Se volvo para aquí e xa non me queren ou non funciona, uf!, coidado. Iso tería sido difícil de superar. Que a ver... Somos cómicos e se algo temos que facer é meterlle comedia a todo. Tamén aos fracasos. Se es cómico e te pos serio, ¿qué mierda eres?

—Ti, fóra da pantalla, tes fama de ser un tipo serio.

—[Ri] Eu creo que serio non son. Pode que sexa un pouco seco ás veces e pouco cariñoso. O que si son serio é traballando. Por aquilo que dicía Buenafuente de que «el humor es una cosa muy seria». Pero serio? Non me tomo moito en serio. Eu normalmente estou de cachondeo.

—Teñen sentido de humor os nosos políticos?

—Hainos que si. Rajoy é un claro exemplo. A primeira vez que o vin, alguén me presentou como cómico e a primeira frase que me dixo foi [imita a voz de Rajoy]: «La comedia es lo más importante que hay». Frase que comparto completamente. Para os políticos agora o sentido do humor é case obrigatorio. Antes a política era só política. Estaba no telexornal e nos diarios. Pero agora é transversal, atravésao todo. Entón, os políticos teñen que ser cómicos, deportistas, escritores..., teñen que selo todo. E dentro de todo, claro, teñen que ter sentido do humor. A min, por exemplo, encantoume que Feijoo viñese ao meu programa. Porque Land Rober non é como El hormiguero, que lles fan entrevistas e tal. Non. Nós non lle preguntamos de política a ninguén. Nós facemos comedia. Pintamos a mona. E que o presidente dun país vaia a pintar a mona a un programa a , no que a semana anterior estivo o fillo da Pantoja penso que é san, que fala ben dese país.

—Cal foi o entrevistado máis complicado que tiveches?

—Sen lugar a dúbidas, a anos luz do segundo, foi Julio Iglesias. Polo que pasou nos minutos previos á entrevista. O que pasa é que non o podo contar. Coidado... Ti date conta de que Julio Iglesias actúa como un semidios. A entrevista despois quedou máis ou menos ben porque el é un profesional. Pero hai estrelas, e hai varias, que antes da entrevista deixanche moi claro quen son elas e quen es ti.

—E o convidado soñado?

—Para Land Rober seguramente o que máis xogo nos daría sería Froilán. Pero eu sigo soñando —e penso que estou de número un na grella de saída, se algún día sucede, que non creo— con poder entrevistar a Amancio Ortega. Polas conversacións que levo tido con el, sempre lle digo que sería moi bo para o país poder escoitalo, se algún día fala con alguén penso que sería conmigo. Pero, xa digo, non creo que suceda. Eu máis do que fixen xa non podo facer.

—Quen foi e quen é na actualidade o teu referente na comedia?

—As miñas referencias foron aquelas coas que me criei de pequeno: Chaplin, Buster Keaton, El Gordo y el Flaco, El Gran Totó..., os grandes cómicos. E o meu referente actual é Andreu Buenafuente. Uf, é que a Buenafuente en televisión é difícil poñerlle un pero. El realmente fixo o que eu querería facer.

—Como é para ti un día perfecto?

—O día no que non me dea tempo a pensar. A miña gran derrota é cando penso. É terrible. Eu non lle recomendo a ninguén pensar. É o peor que existe. Recoméndolle facer cousas. Cortar leña, traballar, pintar a casa... O que sexa. Manterse ocupado para non pensar.

—Tes algún lugar refuxio?

—Non teño un sitio físico. Pero coa idade, cada vez síntome máis preto de onde nacín. Xa lle escoitei a máis xente que lle pasa isto. Canto máis maior son, máis preto estou daquel neno da aldea. Síntome máis cómodo co Roberto dos 14 anos que co de 50.

—Cando te ves na televisión, recoñeces en algo a aquel neno?

—Cada vez máis. Si, si. E encántame. Porque tiña máis fallos, era máis idiota, máis estúpido, máis inocente... A putada é saber cousas. Canto máis vas sabendo, máis desgraciado es.

—O certo é que fuches quen de contaxiar a moita xente dese orgullo de aldea fronte ao tan arraigado autoodio.

—Mira, eu nacín nunha aldea desas de esterco ata os xeonllos. Non o digo como algo despectivo, pero a min non me gustaba. Non me gustaba ir coas vacas, traballar no campo, andar na herba seca ou coller as patacas. Eu vía aos meus amigos dos pobos que ían de paseo ou á praia e quería ir con eles. Pero a sensación que eu tiña era a de «non, ti non podes ir aí. Iso non é para ti». Co tempo funme sacando de todo iso e hoxe en día non teño ningún complexo. Acabo de chegar de Nova York e o venres [por onte] vou ir a Chicago e estar con Stephen Curry. De ti a ti. A vida fíxome comprender que ser da aldea é igual que ser de Chicago. Mesmo penso que temos certa vantaxe porque na aldea estaban os vellos e as vellas con nós e aí había un coñecemento que miña filla, por desgraza, xa non vai ter.