Alberto Meira: «Se non hai igualdade, xa non é un campionato, é unha trangallada»

VIGO

nacho carballeira

O piloto de Vincios apunta que coa presenza dos World Rally Car no Campionato Galego prexudica a xeración emerxente de novos pilotos que hai en Galicia

25 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Alberto Meira iniciou a pasada semana unha nova andaina no Campionato Galego de ralis de asfalto e foi o primeiro en alzar a voz logo de comprobar que o coeficiente redutor que lle aplicaban aos WRC quedaba anulado se había tres ou máis na liña de saída, algo que aconteceu en A Coruña. «Se non hai igualdade, non é un campionato, é unha trangallada», comenta o piloto de Vincios, que repite co Skoda Fabia R5 da tempada pasada e co seu equipo habitual co que espera gañar o Supercampionato galego. Descarta correr probas do Campionato de España pola normativa existente.

—Que análise fai da primeira proba do Campionato Galego?

—Quedei contento, fixen un podio. Había tres WRC que son superiores aos nosos, metinme na loita con eles e incluso cheguei a liderar o rali por unha penalización de Senra. Estivo bonita a carreira, pero eu sabía que segundo se fose adaptando ao coche, co potencial que ten, me sería difícil aguantalo, como así foi. Metinme nunha guerra que non debería meterme, porque con eses coches tes que ir moi ao límite para estar preto deles e o obxectivo meu era gañar o Supercampionato.

—Esperaba que houbese tres WRC en carreira?

—Víctor mira o regulamento e actúa en consecuencia. Eu creo que se a Federación quería igualar, o de poñer tres non ten sentido ningún.

—Sabía que ían saír tres?

—Acordaron que lle metían un coeficiente redutor do 0,8, pero que se saían tres ou máis, puntuaba ao 100 % e entón dixen: «Temos tres WRC todo o ano».

—Está adulterado o Campionato Galego?

—Non é adulterado, eu opino que gañar cun coche 2 segundos máis rápido por quilómetro non me parece o máis lóxico, pero non eu como rival, senón que veñen rapaces novos que deben ter as mesmas condicións e un mínimo de igualdade nun campionato. Se nun campionato non hai un mínimo de igualdade, que carallo de campionato é. Ten que haber un equilibrio entre os participantes para que calquera rapaz chegue con R5 e nos poda pintar a cara a calquera de nós. Se non hai igualdade xa non é un campionato, senón unha trangallada. Víctor é un grandísimo piloto, pero non me parece ben, por min, senón polo futuro, hai pilotos que se preguntan que fan aquí e poden deixar o campionato.

—Cómo ten enfocada a tempada?

—Eu irei á miña guerra, a loitar polo Supercampionato. Este ano engádese xente nova e espero que teñamos un campionato divertido na Segunda División; isto é como MotoGP e Moto 2.

—Fará todas as probas do Galego?

—A intención é ver como vai a xeral, pero en principio faremos as nove probas do Supercampionato, que é onde están os premios que nos axudan a cadrar os presupostos e facer as tempadas completas. Se estivéramos na loita polo campionato, igual faríamos algunha máis, pero é complicado.

—Fará algunha do calendario estatal?

—De entrada, coas normativas novas de consumibles que lle meten agora, non me fai graza ningunha. Aparte, temos varias probas do galego moi cerca. A verdade é que tiña gañas de medirme, porque o ano pasado tiven un percance pequeno que me condiciounou no Rías. É demasiada historia para facer unha proba soa e igual o descarto.