Patrocinado porPatrocinado por

Daniel Formoso: «O mar ten futuro se facemos ben o noso traballo, porque o sector primario é esencial»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

SOMOS MAR

Daniel Formoso
Daniel Formoso MARCOS CREO

O presidente da Federación de Confrarías da Coruña aposta pola defensa conxunta da cadea integrada por produtores e industria e por equilibrar esforzo e rendemento

07 may 2024 . Actualizado a las 12:39 h.

Coñece o sector do mar dende a base porque é bateeiro, pero tamén foi mariscador e tivo barcos de arrastre. Dende hai dúas décadas, Daniel Formoso Moledo (Muros, 1954) está á fronte do pósito e este é o seu terceiro mandato como presidente da Federación de Confrarías da Coruña. Manifesta a súa inquedanza pola falta de relevo xeracional, pola drástica baixada da produtividade en tódalas artes de pesca e polos numerosos obstáculos que soporta o sector, con límites de topes e o endurecemento das normativas a cumprir.

—O sector marisqueiro afronta serias dificultades pola baixada da produción e a situación está a empeorar.

—É unha das máis graves que recordo, o sector está a pasalo mal e hai moitas confrarías que tamén. Non está a ser un período bo para ningunha arte de pesca.

—Considera que pode tratarse dun ciclo, como afirman algúns, ou que hai algo máis?

—Sempre houbo anos bos e malos, pero considero que hai unha serie de factores que están a afectar e non vexo cal pode ser a solución. O cambio climático nótase, pero non é a causa de todo. Houbo poucos ventos do norte e falla o aporte de nutrientes para as especies. Nótase na ameixa e no berberecho, pero tamén no mexillón. Por outra banda, as choivas están a causar un dano grandísimo. Loitamos contra a natureza e, ás veces, dános golpes destes. Eu sei o marisco que había hai 50 anos.

—As verteduras tamén están no punto de mira.

—Non hai dúbida. As rías non soportan máis verteduras. Estanse a levar accións en moitas zonas de Galicia e todo o que se quite do mar é bo, pero non debemos esquecer que as correntes traen cousas de moitas partes.

—E a apertura dos encoros?

—Está claro que é preciso un protocolo, o baleirado coa marea chea ten moito menos impacto. Tamén é certo que o nivel da area subiu moito na ría de Muros-Noia. Puntos aos que hai corenta anos ías con botas, agora podes ir en zapatillas.

—Comezou a veda do polbo, que será de dous meses, síntese satisfeito de que en parte se fixera caso dunha demanda histórica da confraría de Muros?

—Sempre reclamamos tres meses de veda e na Consellería do Mar prometeron que o vindeiro ano serán catro meses, dous pagados e dous de veda. Xa o queríamos para este paro que acaba de empezar, pero dixeron que resultaba inviable. Está claro que o sector ten que recibir algo porque hai xente que non ten outras artes, dedícase só ao polbo e ten que cobrar algunha prestación. No polbo, ou se fai unha veda grande o imos ter problemas. Posiblemente dous meses sexan poucos, pero temos o compromiso para o ano que vén.

—Non poden resentirse os mercados pola falta de produto?

—Os maioristas fan acopio de mercancía para ter reservas suficientes. A pesquería está a baixar e resulta necesario adoptar medidas para evitar que o polbo desapareza.

—Entre as numerosas ameazas do sector figuran normativas cada vez máis duras que complican o traballo, como ve o futuro?

—O mar ten futuro se facemos ben o noso traballo, porque o sector primario é esencial. Debemos equilibrar o esforzo co rendemento. Temos que defender todos xuntos a cadea mar-industria porque é beneficioso para todos. Ao mesmo tempo, subliño o labor da Consellería do Mar, que sempre ten as portas abertas para atender as demandas.

—Sen embargo, a falta de relevo xeracional é unha realidade.

—O problema é que resulta case máis difícil defender o traballo que ir traballar, todo son obstáculos, limitacións. É certo que non hai xente que queira dedicarse ao mar, pero está a pasar tamén con outros oficios. Os sectores primarios son esenciais, xa quedou constatado na pandemia.

«A proposta dos depuradores de explotar bancos marisqueiros improductivos non ten recorrido, ninguén a vai aceptar»

Como responsable da federación provincial está ao tanto dos problemas das confrarías e das súas demandas, xa que trata habitualmente con elas.

—Que lle parece a proposta do sector de depuradores para explotar bancos marisqueiros improductivos?

—Eu nin lle daría importancia, é un brinde ao sol. Non ten recorrido, ninguén o vai aceptar. As confrarías ímonos opoñer, ningunha entidade vai dar esa xestión a un particular. Non vai chegar a ningún lado.

—Aposta pola creación de organizacións de produtores nas confrarías, como están a facer algunhas como a de Noia?

As confrarías xa somos organizacións de produtores e o que perseguimos dende as federacións é que sexan recoñecidas. Estamos loitando para iso, para que dende Europa se lles dea o mesmo recoñecemento que ás OP. A maioría das confrarías teñen máis de cen anos de historia, hai séculos que a xente do mar está organizada. En Europa non saben que é unha confraría, pero cada vez están a asumir máis competencias. Federacións e confrarías debemos estar fortes para defendernos, hai que loitar polo que está organizado.

—O recoñecemento permitiría o acceso a fondos europeos.

—Non é só o acceso a subvencións, tamén hai deberes que cumprir. Non se trata unicamente de recibir fondos, é un aspecto que abarca máis ámbitos.

—Cos problemas que ten o sector, cada vez son máis os que din que se houbera axudas para despezamentos non quedaba nin un só barco.

—Estanse a facer lonxas máis grandes e máis fábricas de xeo, pero os barcos van a menos. Iso non o entendemos. É certo que a xente se desprende dos barcos. Eu defendo que hai futuro, pero debemos facer cousas. Por exemplo, hai que regular mellor a oferta e a demanda, sacrificando menos o mar. Temos que buscar que o noso produto acade mellores prezos controlando o mercado.