Monti Castiñeiras: «Santos é un delincuente simpático que ten uns diálogos marabillosos»

b. p. l. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Voz Audiovisual

TVG estrea este domingo a terceira temporada de «A lei de Santos»

08 ene 2022 . Actualizado a las 19:39 h.

A lei de Santos volve este domingo á Televisión de Galicia cunha nova temporada, a terceira, composta por oito capítulos. Así continúa a historia deste personaxe de Serramoura, interpretado por Monti Castiñeiras, que segue vivindo na súa propia serie derivada. Agora empeza esta nova entrega «con mal pé e ao borde da morte».

—Ano novo, temporada nova de «A lei de Santos».

—Acabamos a temporada anterior cun momento no que se vía a alguén intercambiando mensaxes e pagando por asasinar a Santos. Non se sabe nin quen o ordenaba nin quen recibía as mensaxes. Como se ve nos avances, hai un intento de asasinato e el está no hospital a piques de morrer. Así empeza esta temporada e a ver que pasa, a ver se sobrevive ou non. Eu espero que si, pero non se sabe. Será unha temporada coma sempre de moita acción e moitas aventuras. Van estar os personaxes de sempre e algúns novos que van facer as delicias da xente. E Santos leva intentando deixar o crime desde a temporada pasada, máis que nada pola súa filla, pero a ver se o consegue.

—Avanza nas redes sociais que esta vez imos ver algo que nunca se fixo nunha serie en TVG.

—Imos ver algo que nunca se viu na Televisión de Galicia nunha serie que non podo dicir exactamente que é. Vai ser como dúas series dentro da mesma. E ata aí podo contar. É algo que nunca se fixo e cunha maneira de gravar que levou adiante Ozo Perozo, o director, moi interesante. Espero que lles guste aos espectadores.

—É preciso poñerse ao día antes de ver os novos capítulos?

—Pódese ver igual. Tamén se podía ver a primeira sen ter visto Serramoura, aínda que era un spin off. Pero a xente que viu Serramoura desfrutouna máis. E a xente que queira seguir esta terceira tamén vai desfrutar máis se coñece a primeira e a segunda. Pódense poñer ao día na páxina web de TVG, onde están todos os capítulos á carta.

—Santos quere abandonar a mala vida, pero o crime e os problemas perségueno.

—Si, de feito el quere deixar o crime porque lle apareceu unha filla á que quere moito e que é garda civil. Pero xa o dixo na anterior temporada: «O crime non me deixa a min». Está nesa batalla. Lévao no sangue e é complicado.

—Que significa para vostede o personaxe de Santos? Pensou que tería todo este recorrido?

—Nunca pensei que ía ter o recorrido que tivo en Serramoura. Sempre digo que a min Santos deumo todo. Deume traballo, satisfaccións, o único premio de interpretación que teño na miña vida, cinco nomeamentos consecutivos ao Mestre Mateo... Non lle podo estar máis que agradecido. É un personaxe que se desfruta moitísimo. É un caramelo. Foi unha sorte interpretar a un personaxe deste tipo e, ademais, querido polo público. Cando fas un personaxe coma este, que é un delincuente, pensas que o van odiar. Pero o público colleulle cariño porque é un delincuente simpático, que ten uns diálogos marabillosos porque os guionistas tamén o son. Dá gusto escoitalo porque é gracioso e simpático, aínda que ten cousas que odiamos. Ás veces é un tipo machista e outras non tanto, ata feminista pode chegar a ser. Todo o mundo desexaría ter un spin off do seu personaxe dunha serie. Isto non ocorre case nunca e eu son un privilexiado nese sentido. Oxalá dure moi tempo máis.

—O universo de Viladesantos é tan importante para a acción como foi a vila de Serramoura.

—Claro, porque Santos por si só non é ninguén. Santos é alguén porque está rodeado de toda a xente da vila, antes Serramoura e agora a súa vila natal de Viladesantos. Ese universo é pequeno, pero ten de todo, como calquera vila galega. Iso enriquece moitísimo as historias, que serían moito máis cativas sen a xente que chega e que pasa por alí. E nesta temporada tamén haberá personaxes que volven e que son queridísimos polo público. Ríome porque non o podo contar, pero a sorpresa é marabillosa. A única mágoa é que nos emiten moi tarde. A ficción ten que ir antes na TVG. Temos moitos fans e espectadores que piden que se emita a unha hora máis decente, non ás once e pico da noite.