Telmo Canosa está de volta en «Método criminal»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG emite este domingo, ás 23.30 horas, un novo capítulo desta comedia de humor negro que protagonizan Luis Iglesia e Miguel Canalejo

30 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os personaxes de Método criminal enfróntanse a un novo xiro nas súas tramas no novo capítulo que esta noite, ás 23.30 horas, emite TVG. Ata este momento Damián Canosa (interpretado polo actor Miguel Canalejo) tivo que facerse cargo do negocio ilegal do seu pai, o narcotráfico, e deixar de lado a súa verdadeira vocación: adicarse en corpo e alma a atender a empresa legal da familia, un tanatorio.

Pero despois de meses en coma, o gran Telmo Canosa (o actor Miguel Borines) esperta no dormitorio da mansión familia. A noticia cae coma unha lousa sobre Damián, pero tamén sobre Sofía e Tuco. Os tres teñen medo de que a ira de Telmo caia sobre eles pola forma que tiveron de xestionar o negocio do clan nos últimos tempos.

Esta nova situación non vai pasar desapercibida para Paulo Santiso, o líder da banda rival dos Canosa, e preparará un plan para atacar ao clan. Con este obxectivo obrigará á terapeuta de Damián para que trate a Telmo e colabore na súa recuperación.

Mentres tanto, Damián e Sofía teñen outra fronte aberta. Despois do último envío acordado por Alfredo, unha das bolsas cos cartos da descarga desapareceu. Alfredo dálles un prazo para atopala e castigar ao culpable, pero nin Damián nin Sofía poden facerse cargo da busca.

Pola súa parte Luís fai todo o posible por recuperar a súa autoestima. Despois de perder o seu papel de Roi Xordo, de abandonar o seu proxecto persoal e da decepción que sufriu con Loreto, a súa nova meta é atopar un traballo que non teña nada que ver co audiovisual. Será quen de conseguilo?

Episodios á carta

Desde o pasado día, os seguidores de Método criminal teñen acceso por adiantado aos episodios da ficción a través do portal EnSerie.gal. Desta forma a web da CRTVG adiántase á emisión na TDT e ofrece capítulos desta serie de humor negro con antelación á súa emisión na pequena pantalla.

Na liña doutras plataformas de canles públicas, como a BBC, que emprega a súa canle de servizo de vídeo baixo demanda All4, e tamén de privadas como Atresplayer Premium, Televisión de Galicia explora outras vías para achegarse ás necesidades dos novos consumos audiovisuais que aprecian a liberdade de elixir á carta os contidos. Non é menor a nova vida que cobran algunhas series no seu consumo en liña, e a CRTVG, dentro da súa estratexia de posicionamento dixital, está apostando por explorar todas as vías que poidan levar a un maior consumo dos produtos galegos de ficción, e que se suma á súa emisión por Youtube.

A plataforma EnSerie.gal naceu para darlle unha maior visibilidade á ficción galega e facilitar o consumo baixo demanda. Agora experimenta coa metodoloxía de adiantar contidos en liña á emisión en TDT coa dispoñibilidade semanal dos capítulos que restan antes da fin desta ficción, prevista para xuño.

Ademais de Método Criminal, no portal EnSerie.gal pódense visualizar centos de episodios das ficcións galegas que emitiu Televisión de Galicia, desde a icónica Mareas vivas, Pratos combinados e Matalobos ata os éxitos máis actuais como Serramoura, A Lei de Santos, A Estiba, Auga Seca e Vidago Palace.