Martelo

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

SANTIAGO CIUDAD

Un hombre carga con un saco de cemento en un taller.
Un hombre carga con un saco de cemento en un taller. SHAMMI MEHRA

12 mar 2024 . Actualizado a las 18:44 h.

É deporte dos españois criticar e entrar a valorar sobre o que non sabemos. Realmente, os que saben son os que están máis calados, sen soltar prenda sen estar seguros do que falan, cos datos que teñen na man. Isto sucede moito coa rehabilitación de edificios. Di o refrán que «para gustos, as cores» pero cando falamos de patrimonio non é cuestión de gustos, senón de criterios. As pautas para definir unha intervención non veñen dos gustos, senón da análise da historia dun edificio, dos elementos e do estado de saúde das pezas, e das directrices da Dirección Xeral de Patrimonio. Pode non gustar, pero sen coñecemento hai que calar.

Polo xeral, esas opinións veñen de persoas sen datos nin coñecemento. Os edificios públicos, ademais, teñen que ser eficientes a nivel enerxético, polo que moitos materiais presentes hai que eliminalos, sempre que non sexan históricos e non teñan valor ningún. É obrigatorio que un edificio público sexa inclusivo para todas as persoas, polo que hai que eliminar as barreiras arquitectónicas.

Ás veces, elimínanse moitos elementos pola seguridade e salubridade das persoas, como establece o Código Técnico da Edificación, moitos materiais do século XX causan doenzas que atribuímos a outras causas, sen pensar que algúns edificios están enfermos e enférmannos. Pero tamén é imprescindible aproveitar unha rehabilitación para destruír aquelas cousas que se fixeron mal noutra intervención anterior. Pensemos nos quilos de cemento que se lle quitaron á Catedral de Santiago, que os puxeran setenta anos antes, na época na que o cemento era venerado.