A USC conmemora os 50 anos da Revolución dos Caraveis reunindo a testemuñas

La Voz

SANTIAGO

O reitor da USC, Antonio López, e o decano de Filoloxía, Elias Feijó, presentaron este xoves as xornadas
O reitor da USC, Antonio López, e o decano de Filoloxía, Elias Feijó, presentaron este xoves as xornadas Sandra Alonso

Programa cinco xornadas entre o próximo día 23 e o 8 de maio

12 abr 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

A Universidade de Santiago conmemorará o medio século do inicio da democracia contemporánea en Portugal coas xornadas «50 anos do 25 de abril», que se desenvolverán maioritariamente na Facultade de Filoloxía entre o día 23 e o 8 de maio. Para iso contará con algunhas testemuñas da Revolución dos Caraveis abordando os acontecementos desde o eido da cultura, a historia e a política.

A programación inclúe cinco xornadas, as tres primeiras dedicadas á cultura e as outras coa vista posta na historia. A primeira cita o día 23 (13 horas, Filoloxía) estará protagonizada pola profesora Izabel Margato, que analizará os textos literarios que dalgunha maneira anticipaban a revolución.

Ao día seguinte, tamén en Filoloxía (10.30 horas), será a quenda do escritor e ex militar Xosé Fortes e da cineasta e catedrática de Comunicación Audiovisual da USC Margarita Ledo, que dialogarán cos xornalistas Áurea Sánchez e Joel Gômez sobre como se viviu o 25 de abril do outro lado do río Miño. Fortes tivo moita relación con militares lusos. Pola súa banda, Ledo estivo exiliada en Portugal entre 1974 e 1976.

A terceira xornada, o día 25, contará cunha dobre cita en Filoloxía. Ás 10.30 horas presentarase o volume «50 anos de abril na Galiza» por parte dos seus coordinadores, Carlos Pazos-Justo e Roberto Samartim. Despois, será a quenda do músico e médico Rui Pato, que contará a súa experiencia de estudante cando nos anos 60 acompañaba como músico a José Afonso, autor da canción «Grândola, Vila Morena», e Adriano Correia de Oliveira, médico militar que estivo nas rúas de Lisboa nesa data.

A segunda parte da programación, a dedicada á historia, comezará o 7 de maio tamén en Filoloxía cunha charla do «major general» Pedro de Pezarat Correia. El participou no movemento militar desde as súas orixes. Estaba en Angola o 25 de abril de 1974 e tivo unha participación destacada no proceso de descolonización. No seu regreso a Portugal, foi escollido para o Conselho da Revoluçao. Esa mesma xornada, ás 19.15 horas, haberá un coloquio no Museo do Pobo, moderado por Antón Losada, sobre as transicións ibéricas no que participarán Nieves Lagares, Manuel de Artaza e Fernando de Rosas. Precisamente, este último será o encargado de pechar as xornadas o 8 de maio en Filoloxía (11.00 horas) cunha conferencia sobre a memoria histórica. Rosas foi un loitador activo contra a ditadura e a guerra colonial, o que o levou dúas veces a prisións políticas e á clandestinidade, situación na que estaba ao inicio da Revolución. Foi candidato á presidencia da República no 2001.

Estas xornadas conmemorativas «serven para manter o vínculo con Portugal e a lusofonía», resaltou o reitor da USC, Antonio López, na presentación da programación xunto a decano de Filoloxía, Elias Feijó. Este último lembrou que «a USC non pode permanecer allea ao derrubamento dunha ditadura» e que a cita está aberta tamén a toda a cidadanía.