Denís Estévez amosa irrealidades en Santiago: «Busco ligazóns entre imaxes aparentemente inconexas para xerar unha pequena historia»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A exposición «Lousas dun mesmo mundo», que pode verse na Casa do Cabido, reúne unha vintena de pezas

26 mar 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

«Non me gusta mirar atrás creativamente», afirma Denís Estévez (Santiago, 1980). E esa máxima cúmprea en «Lousas dun mesmo mundo», a exposición que se pode ver na Casa do Cabido e que supón o regreso ás salas de exposicións de xeito individual despois dun lustro por parte do fotógrafo e artista. Se a finais do 2018 se mergullaba por primeira vez no retrato para «Agora Ágora», onde amosaba o resultado da súa residencia artística na Fundación Granell, nesta ocasión a súa aposta é pola fotomontaxe. «Decateime hai tempo que teño moito material gráfico que de por si é moi plástico, pero digamos que non invitaba a sacar contido literario», detalla. Así que decidiu apostar por fusionar dúas imaxes «que aparentemente son inconexas, pero que se se lle buscan as ligazóns chegan a xerar contido, unha pequena historia».

E pequenas historias é o que fai nesas «irrealidades» ou «ensoñacións», como Denís Estévez denomina esa vintena de pezas que conforman a mostra que se poderá visitar ata xuño. Para conformar este «poemario visual» —como o define Xosé Manuel Villanueva, que xunto a Caamaño Pampín se vai encargar de escribir o catálogo,— o artista non fixo ningunha foto máis, senón que explorou no seu arquivo entre o 2001 e o 2023. «O traballo foi buscar, buscar e buscar no arquivo desde o 2001, con fotos que empezaban no mundo analóxico e que posteriormente pasaron ao mundo dixital, para despois crear esas irrealidades».

A mostra está conformada por fotografías en branco e negro, todas elas fotomontaxes agás as que protagonizan tres pezas. Nestas excepcións inclúese a imaxe que dá a benvida ao visitante da mostra, onde unha pulcra valla publicitaria convive coa terra removida, raíces e pedras. Tamén un tríptico que aborda a migración, para o que Denís Estévez escolle imaxes de Conxo —fala da emigración de finais do XIX—, Trives —alusiva a época de despois da Guerra Civil— e, para rematar, uns cactus retratados en Cienfuegos (Cuba). A terceira das pezas que se escapan á colaxe é unha serie conformada por unha ducia de imaxes montadas como un axedrezado, «En brazos dun pintor», onde o artista fai un aceno á súa traxectoria neste eido.

Á hora da fotomontaxe, Denís Estévez tiña claro que debía quedar patente que se trataba de dúas imaxes unidas. «É fotografía, pero son irrealidades. Quero que se note que é unha fotomontaxe, que todos se dean conta de onde están as superposicións», afirma. Deste xeito, por exemplo, convive unha cabeza pertencente á portada de Praterías da Catedral cunhas árbores de inverno, un río e unha xanela, torres de electricidade combinadas cunha muller traballando anicada... Todo elo baixo evocadores títulos. Tamén é poesía? «No momento en que son lecturas abertas, si. Iso depende do espectador», responde o artista santiagués.

Improvisación e risco

Pero, cal foi o criterio para fusionar as imaxes? Que lazos buscaba? «Non é unha cuestión de poñelas unhas enriba doutras, de mesturalas, senón é ter a narrativa de cada unha e tentar buscarlle algo entre as dúas», responde engadindo que lle gusta a improvisación no eido creativo. «A improvisación incrementa nun 100 % o risco. Entón, se un batalla con eses momentos de descontrol, ás veces, un vese sorprendido por algo que non agardaba. A arte non é un mundo cómodo, hai que plantarlle cara e chegar ao descoñecido», apunta.

Con esta serie de imaxes na súa meirande parte de Galicia, pero tamén froito de viaxes, o fotógrafo compostelán busca aludir á necesidade aperturista da humanidade, á loita por un mundo sen fronteiras, pero tamén trata de poñer en dúbida esa necesidade de estar continuamente producindo. Unhas liñas de traballo que Denís Estévez recolle no texto da mostra: «A idea que rodea o proceso creativo contén tres puntais básicos: a revisión do arquivo, a necesidade de replantear o pasado e a negación da produción sistemática».

Despois desta mostra na Casa do Cabido, Denís Estévez non pon datas a novos proxectos. «Quedou sen seleccionar para esta exposición moito traballo, pero gustaríame agardar un tempo para ver como se recibe».