Melide fai valer o seu vello entroido, que tiña xenerais do Ulla, madamas e folecheiros

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

O museo informa ao centro temático de Xinzo de figuras tradicionais xa perdidas

31 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo, ata principios do século pasado, no que en Melide, durante o entroido, axotaban á xente os «folecheiros»: figuras con traxe e máscara que, como as pantallas de Xinzo, portaban foles cheos de cinza e borralla para botar ao seu paso. Tamén as madamas e os cabaleiros se deixaban ver, logo da misa, na parroquia de Vitiriz. E na de Pezobre, no curso medio-alto do río Ulla ao seu paso polo concello de Santiso, os xenerais representaban a loita contra as tropas napoleónicas. Os melidenses, que tamén se disfrazaban con máscaras feitas con caixas de cartón, tampouco deixaban pasar o domingo corredor, o venres filloeiro, o xoves de compadres, e o de comadres. Pero pouco queda da manifestación máis antiga do Carnaval na comarca melidá. Sobreviviu o «antroido», que é «unha figura grande de palla que vestían e caracterizaban para logo queimar o martes de Entroido», explica a arqueóloga do museo comarcal, Cristina Vázquez.

A teima de veciños como Manolo Parrado e de asociacións culturais como Curuxás fixo que esa tradición se mantivese ata os tempos actuais, nos que aínda quedan tamén «antroidos»: xente que segue a disfrazarse co que atopa pola casa e forma parte da comitiva improvisada que leva a figura principal no desfile que polas rúas precede á súa queima. «Son como os choqueiros da Coruña», indica Cristina Vázquez, quen, xunto co tamén arqueólogo Xurxo Broz, colaborador da galería melidense, lle deu traslado de toda a información sobre o ancestral Entroido de Melide e a súa comarca ao museo que, no concello ourensán de Xinzo de Limia, é custodio das diferentes manifestacións que ten a celebración en toda Galicia.

A información documentouna Vicente Risco no Terra de Melide, editado no 1933 polo Seminario de Estudos Galegos. E na temática afondaron con traballo de campo Miguel Ares Rúa, un colaborador do museo que é natural de Santiso, e o propio director da institución melidense, Xosé Manuel Broz. O traslado da documentación ao museo de Xinzo fíxose a mediados do pasado decembro; antes, polo tanto, de que a Xunta declarase o Entroido Galego Ben de Interese Cultural (BIC). A pretensión compartindo toda a documentación co museo de Xinzo foi «que nese centro, onde se recolle todo o Entroido tradicional galego, tiveran constancia de que nesta zona tamén existía un tipo de manifestación cultural similar ao que pode haber noutras partes de Galicia», explica Cristina Vázquez. Dende o museo melidense valoran, ao fío, a idoneidade da declaración BIC, toda vez que o entroido «é unha das manifestacións culturais propias e intrínsecas de Galicia, e arraigada coa cultura máis popular e ancestral».