Unha xornada marcada pola tradición dos Maios na contorna de Pontevedra

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

01 may 2024 . Actualizado a las 12:30 h.

Como cada primeiro de maio, esta martes a contorna de Pontevedra revivirá a tradición da Festa dos Maios.

No caso da cidade do Lérez e a partires das 11 horas, A Ferrería acollerá esta celebración coa participación de media ducia de agrupacións: Maio de Figueirido, Maio de San Xulián, Maio Marcos da Portela, Maio de Campañó, Maio de Marcón e o Maio de Campolongo. A poeta Cynthia Menéndez será a encargada de darlles a benvida e dar paso ao concurso no que se repartirán 6.250 euros en premios. Ademais, namentres o xurado se retira a deliberar, poderase gozar da actuación do grupo Son da Pedra.

No veciño Poio, a cita é tamén dende as 11 horas na carpa de A Seca, punto no que oito colectivos exporán ata doce Maios, os de Rockeiriño, Armadiña, Fontela, Laretas, Vilariño, Pimpín, Pitufeiro, Isidoro, Maiolo, Pequemaio, Boureante e Marepodium. Esta edición dispensará unha homenaxe a Francisco Lobajeira Pérez, veciño de Arís de 81 anos, por ser unha das persoas que contribuíron, nas últimas décadas, a difundir, conservar e expandir a tradición dos Maios no municipio.

Xa pola tarde, ás 17 horas, a mostra trasladarase á praza da Chousa, en Combarro, coa colaboración do Ateneo Corredoira e a actuación da Escola de Música tradicional de Poio.

Outros concellos

En Marín, no marco do Concurso de Maios e Embarcacións organizado polo Ateneo Santa Cecilia co apoio do concello, ás 12.30 horas terá lugar unha exhibición na alameda, mentres que ás 17 horas terá lugar o concurso na praza do Reloxo.

O Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo organiza, pola súa banda, o concurso exhibición dende ás 17 horas na Cultural coa participación de catro Maios. Por mor da choiva, suspendeuse a exposición na praza Pascual Veiga da maña. Sen saír deste concello, a asociación veciñal San Cristóbal de Portonovo organiza dende as 11 horas e na praza do Mercado o concurso no que se premiarán as mellores composicións florais e coplas.

Tamén o Concello de Vilaboa organiza o Festival dos Maios, que terá lugar no campo das festas de Bértola, mentres que en Caldas será ás 12 horas na praza das Palmeiras.