Unha conferencia adentrase na obra de Asorey existente no Museo e na cidade de Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MUSEO DE PONTEVEDRA

Maribel Iglesias Baldonedo abordará «as claves da traxectoria do escultor e as principais influencias artísticas que recibiu»

17 abr 2024 . Actualizado a las 17:16 h.

Con ocasión da conmemoración do Día das Artes Galegas, que este ano adícase a Francisco Asorey, o Museo de Pontevedra acollerá este xoves (19.30 horas) unha conferencia centrada no escultor de Cambados e impartida pola profesora Maribel Iglesias Baldonedo baixo o título de A obra de Francisco Asorey no Museo e na cidade de Pontevedra.

No relatorio, Iglesias Baldonedo fará «un percorrido pola abundante obra de Francisco Asorey que existe no Museo e na cidade. Son pezas de todas as súas etapas artísticas, polo que o percorrido permitirá explicar as claves da traxectoria do escultor e as principais influencias artísticas que recibiu».

MUSEO DE PONTEVEDRA

De feito, hai obras no Museo de Pontevedra que se corresponden coa súa estancia en Madrid, nos inicios da súa carreira. Outras, como a escaiola de Naiciña ou o Tesouro son da etapa dos anos 20, xa en Galicia, e na que triunfa nas Exposicións Nacionais de Belas Artes de Madrid e vese moi influído polo ideario das Irmandades da Fala, destacaron dende a Deputación de Pontevedra, ao tempo que precisaron que «o busto do violinista Quiroga corresponde tamén a esta etapa».

Pola súa banda, o busto de Calvo Sotelo ou o Monumento a Cabanelas corresponden á etapa final, que coincide coa posguerra e chega ata o 1961, ano non que morre.

En canto a Maribel Iglesias Baldonedo, dende o Museo precisaron que nada en Caracas, Venezuela, en 1964, é licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora de secundaria no IES Francisco Asorey, de Cambados. «Interesada na historia local, en 2005 realizou, xunto a alumnado e profesorado do centro, o traballo Cambados, 100 anos de historia a través da fotografía, que obtivo un premio á innovación educativa da Xunta de Galicia».

MARTINA MISER

De igual modo e nesa mesma liña «seguiron os libros Ramón Cabanillas, biografía en imaxes (2008) e Francisco Asorey, escultor galego (2018), publicado a partir da súa tese de doutoramento».

A docente constituiu, xunto coa familia Gil de la Peña e De Laiglesia Gil, a Asociación cultural Amig@s de Fefiñáns, da que é presidenta. O seu obxectivo, «estudar, protexer e divulgar o patrimonio do Pazo de Fefiñáns e da súa contorna, que é todo O Salnés. Nesa liña vai a publicación do libro Pazo de Fefiñáns. Historia e arte en 2021». Ademais, este colectivo edita semestralmente baixo a súa dirección un boletín, O Umia, con artigos variados e de colaboradores de prestixio, sobre o patrimonio histórico, artístico, científico e natural do Salnés.