«O máis difícil dunha tradución é pillar o rexistro do texto»

PONTEVEDRA

CEDIDA

Laureano Araújo recoñece que «traducir é tomar innumerábeis decisións. E algunhas desas decisións son moi delicadas e hai que darlles moitas voltas. Un inferno para un neurótico!»

30 ene 2022 . Actualizado a las 16:24 h.

«Nunha tradución non adoita haber nada sinxelo de facer. Traducir é tomar innumerábeis decisións. E algunhas desas decisións son moi delicadas e hai que darlles moitas voltas. Un inferno para un neurótico!», resposta Laureano Araújo cando se lle pregunta polo máis sinxelo de traducir ao galego A lenda do santo bebedor (Kalandraka), de Joseph Roth. Ao mesmo tempo, engade que «calquera tradutor pode contar como ás veces ten que lle dedicar horas e horas a un detalle que se lle resiste. Eu lembro que cando traducín os Momentos estelares da humanidade, de Stefan Zweig, estiven moito tempo pensando en como traducir a palabra Kürassier, que non estaba e segue sen estar no noso dicionario. Ao final optei por coiraceiro, que supoño que será o termo que acabe impóndose».

—E se lle pregunto polo máis complicado?

—Creo que o máis difícil é sempre pillar o rexistro do texto, que ás veces, como neste caso, é pouco común. A prosa de A lenda do santo bebedor é realmente insólita, unha fórmula xenial que combina unha sensibilidade extrema, unha formalidade a miúdo cerimoniosa, unha linguaxe que por momentos parece administrativa, as reminiscencias bíblicas. Intentar trasladar á nosa lingua unha aventura contada en alemán con esta linguaxe tan especial é todo un desafío, porque, no fondo, o que o tradutor espera sempre é que a experiencia do seu lector sexa o máis parecida posíbel á do lector do texto orixinal.

—Anteriormente foi «A transformación» e agora «A lenda do santo bebedor», teñen algo en común?

—Son as historias de dúas persoas perdidas. En A transformación, Franz Kafka léganos un dos achegamentos á familia máis salvaxes e sinistros da literatura contándonos como Gregor Samsa non consegue subtraerse ao dominio paterno, nin sequera animalizándose. En A lenda do santo bebedor, Roth constrúe unha fábula moderna que trata a desilusión, a inseguridade e a soidade do ser humano actual. O alcohólico André Kartak é un home desarraigado e desorientado, como tantos que o apátrida Roth debeu de atopar na Europa de entreguerras.

—O que si comparten ambos autores é a orixe?

—Teñen varias cousas en común. Os dous eran xudeus, por exemplo. Isto é moi interesante en Roth, quen sempre alentou a confusión ao redor da súa fe. No caso de A lenda do santo bebedor, a dimensión relixiosa é especialmente rechamante. Posibelmente haxa aí unha intención paródica. En todo caso, creo que A lenda podería lerse como unha reflexión sobre a redención da persoa pequena, quen, malia todas as súas contradicións, é quen de gañar o favor da Providencia. André, o protagonista, cre nos milagres e acaba convencido de que foi tocado pola graza divina.

—E ata que punto inflúe nun tradutor, se é que inflúe, a existencia dunha película que está considerada de culto?

—Todas as persoas abordamos as nosas lecturas cunha bagaxe cultural máis ou menos pesada, que determina en boa medida o xeito de entendermos o que lemos. Neste sentido, un tradutor, que tamén é un lector, non é diferente, o cal explica que non haxa nunca dúas traducións idénticas dun mesmo texto. Isto, como é obvio, non significa que o tradutor non sexa un lector especial, moi concienciudo, moi rigoroso. Despois de todo, o seu labor consiste en facer que unha obra sexa comprendida nunha lingua distinta. No que atinxe o filme La leggenda del santo bevitore, de Ermanno Olmi, direille que daría para outra entrevista!

—E sen saírmos do mundo audiovisual, estamos a vivir nun momento en que son habituais as críticas polos subtítulos empregados por moitas plataformas dixitais, empresas que, ao parecer, priman os automatismos para abaratar custos. Como se percibe isto dende a súa posición?

—O público lector, como é natural, apenas sabe nada do mundo da tradución, que é moi complexo. Pouca xente coñece, por exemplo, como traballan as persoas encargadas de traducir para as plataformas de streaming. Son freelancers, así que non poden negociar tarifas colectivamente, dependen de empresas intermediarias que impoñen condicións draconianas, están mal pagadas, teñen unhas xornadas esgotadoras e son invisibilizadas. No caso da serie surcoreana O xogo da lura, ademais, a tradución disque se fixo cun programa. Así saíu: catastrófica.

—Que outros proxectos ten, máis ou menos, inmediatos?

—No ámbito da tradución, en Galiza temos case todo por facer. Así que, se algo hai, son proxectos, precisamente. Niso está empeñada a editorial Kalandraka, que publicou A lenda do santo bebedor dentro da súa colección de tradución, unha colección que vai medrando con obras moi escollidas, con traducións moi traballadas e cun deseño exquisito. En canto a min, nos próximos meses estará listo, espero, un libriño delicioso dun autor suízo que adoro e que tivo unha vida asombrosa. Non digo máis! Espero que teñamos ocasión de falar del polo miúdo cando estea nas librarías.