Ordenador e/ou libro de texto?

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

JOSE MANUEL CASAL

19 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A decisión en Suecia de paralizar a dixitalización das escolas trae a colación dúas clásicas características da nosa educación. Unha delas son os bandazos: negro ou branco, sen opción a grises; bo ou malo, sen posibilidade de regular. E a outra é o permanente divorcio entre a vida e a escola. Esperemos que esta idiosincrasia non nos leve a seguir aquí a medida drástica do país nórdico. Sería peor o remedio ca enfermidade.

Os dous grandes erros cometidos son considerar as tecnoloxías e a internet como un fin e non como un medio, e terse obsesionado coa súa implantación sen estar o profesorado motivado e formado e sen haber valorado as moitas consecuencias negativas. Os cambios na escola foron drásticos, coa imposición das pantallas dun xeito radical, prescindindo de medios e métodos pedagóxicos clásicos aos que non se pode renunciar. A familia, auténtico forno da educación, remou en contra, non sendo capaz de controlar o proceso de cambio, dando absoluta liberdade aos fillos para utilizar as TIC como lles pete. As consecuencias son ben coñecidas: adicción, violencia, pasividade, superficialidade, obsesión pola imaxe, confusión de realidade e ficción, etcétera.

Na aula, as secuelas non tardaron. A linguaxe textual, clásica, foi dando paso á icónica e audiovisual; a información, rápida e aos poucos, diminuíu a capacidade de concentración e de reflexión; a atracción da pantalla dispersou a atención. E como consecuencia resentiuse sobre todo a lectura comprensiva, piar máis importante da aprendizaxe e do progreso académico. Hai ben anos que avaliacións internacionais como PIRLS ou PISA, pero sobre todo a simple contemplación do traballo acotío dos alumnos, veñen reflectindo un gravísimo deterioro das técnicas e competencias básicas: lectura, escritura e cálculo. Sen entender ben o que le, o alumno avanza a trancas e barrancas ata que a incapacidade de expresión e de razoamento acaban por provocar o seu fracaso escolar.

Pero o verdadeiro problema non está na implantación das tecnoloxías na aula, senón no abuso delas e no descoñecemento de como utilizalas realmente para o progreso académico do alumno. As metodoloxías e recursos clásicos seguen a ser necesarios: lectura e escrita en papel; libros non electrónicos ou cadernos. A pantalla debe incorporarse cando sexa conveniente e cun control rigoroso na aula e na familia. Ata ter conseguida unha determinada madurez, os nenos non deben estar sós diante dela, porque a tentación para xogar ou navegar sen control é moi forte e impide o esforzo imprescindible para estudar.

Xa que logo, no deamos un bandazo cara atrás nin permitamos que a vida, na que cada vez están máis presentes as tecnoloxías, vaia polo seu lado e a escola por outro. Integremos estas no proceso de ensino-aprendizaxe, pero con tino. Que sexan un medio máis e que contribúan á boa formación do alumno, primeiro dirixida e logo autónoma.