Que poden facer os pais con fillos que teñen déficit de atención?

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

María Pedreda

21 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

OTDAH (trastorno por déficit de atención e hiperactividade) é un problema complexo que preocupa moito aos pais porque non só afecta ao rendemento escolar dos fillos, senón tamén ás súas relacións cos demais. Cada vez ditamínanse máis alumnos con este trastorno, do que se descoñecen as causas e factores de risco, aínda que as investigacións actuais mostran que a xenética ten un papel moi importante. Malia que o tratamento pasa nalgúns casos pola medicación, é imprescindible unha terapia de conduta tanto na aula coma no fogar.

O primeiro que teñen que facer os pais é contar cun diagnóstico claro dos fillos, que pode realizarse polos servizos de orientación do centro educativo ou polo EOE (equipo de orientación específico) da Consellería de Educación, sen teren necesidade de acudir a profesionais sanitarios externos. Unha vez que contan coa valoración resulta esencial manter un estreito contacto co titor dos fillos e mesmo co orientador do centro, tendo dereito a recibir información do tratamento específico que se lles dará na aula, así como das orientacións precisas para colaborar con estes profesionais desde o propio fogar. Os pais teñen ademais a posibilidade de acudir á inspección educativa, que valora a necesidade de racionalizar mellor os recursos humanos existentes ou mesmo de incrementalos.

Con frecuencia, os proxenitores quéixanse de que os pequenos non reciben a atención adecuada na escola e, como consecuencia, non melloran de rendemento nin de conduta. O fallo non está nunha soa parte. En xeral, os mestres non contan con formación específica para tratar este problema e en moitos casos teñen un número de alumnos na clase que impide os apoios individuais precisos. A atención á diversidade é a materia pendente da Administración educativa, que debería racionalizar un mapa escolar desfasado, o que permitiría dispoñer de máis recursos para potenciar os apoios docentes especializados.

Pero a familia tampouco está a remar a favor. Aínda que como temos dito non se ten demostrado que a educación na casa sexa a causa do TDAH, si contribúe a agravar os síntomas e a evolución do trastorno e, xa que logo, as intervencións familiares adecuadas contribúen a un mellor prognóstico deste. Están a brillar pola súa ausencia accións esenciais no fogar como son limitar o uso das pantallas por parte dos menores, establecer unha orde e disciplina cotiá, fixar límites claros de conduta ou fomentar unha vida saudable. Para levar á practica isto é importante a formación dos pais, pero moito máis o sentido común.