Cascabel

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

30 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ela ten nome de cascabel. Ou a min sóame a cascabel cando o pronuncio. Tamén ten os ollos azuis e, cando o sol a mira de fronte, póñense verdes como herba. Cumpriu un cuarto de século neste mundo e, con tan pouco, xa ten enfeitizado a nosa vida. Ponse nerviosa por culpa do traballo e cando chego tarde a comer, cabreada, sóltame tres ou catro verdades que sempre son as mesmas. Vai nadar á piscina e, en ocasións, dálle por seguir algunha dieta saudable. Aprendeu a escribir como quen aprende a comer, naturalmente. Le menos do que debe, di o seu pai. Aínda que o verbo deber non se conxuga coa lectura: un acto lúdico, de rebelación (de rebeldía) e de revelación, de coñecemento e de crecemento do propio criterio. É libertaria e, ás veces, libertina. Non entende que uns teñan tanto e outros tan pouco. Desprende bondade e confianza con só observala. Intenta comprender algúns dos meus libros pero como tantos outros (a culpa é só miña) non o consegue. Pablo, cando ela sobe de revolucións, sempre di o mesmo: «É tremenda!». Á súa irmá dálle bos consellos, seguramente moito mellores cós meus. A súa irmá é como ela, pero en moreno e apuntes de Dereito con biblioteca en sesión continua incorporada. A biblioteca de Santiago favorita dos estudantes, a máis frecuentada da cidade, tamén cascabelea no seu nome. Milita en todas as causas nobres do planeta. A súa irmá, tamén. Fuma menos, pero eu sei que non deixou de fumar. Gústalle estar co seu afillado, que é un terremoto simpático e guapetón. Foi ver comigo varios partidos do meu equipo. Estabamos en Valencia cando Bale deixou atrás a Bartra e marcou un gol de copa. Querémola, arrebatadamente. A ela, que ten nome de cascabel.