Traballo e saúde mental

Rosa Cerqueiro MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL

OPINIÓN

Juan Barbosa | EUROPAPRESS

28 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un bo traballo pode ser fonte de satisfacción e de autorrealización, e contribuír a un sentimento de competencia persoal e pertenza social. Por descontado, o que debera ser sempre é un medio para lograr a autosuficiencia económica e proxectos estables de vida. Un traballo digno protexe a saúde mental.

Porén, a realidade dos datos trasládanos a un panorama sombrío. Case a metade das persoas traballadoras refiren sufrir unhas condicións laborais que afectan á saúde mental. Son os chamados riscos psicosociais.

Escoitar as experiencias en primeira persoa permite trazar un retrato con inquietantes semellanzas entre traballadores e traballadoras de sectores moi distintos: sobrecarga laboral; horarios estendidos; imposibilidade de conciliación; insuficiente descanso entre quendas; salarios baixos; escasa participación na toma de decisións; ordes contraditorias; infravaloración por parte dos superiores; desigualdade no trato e nos salarios ante as mesmas tarefas; situacións de acoso e abusos, incluído sexuais; intimidación e coaccións cando se pide o cumprimento dos dereitos laborais; dificultades na reincorporación tras unha baixa médica; discriminación e estigma nas persoas con diagnóstico psiquiátrico.

O resultado é un aumento substancial de problemas de saúde mental. De feito, unha de cada catro baixas laborais están relacionadas co estrés. A propia OMS estima que a depresión é a segunda causa máis importante de incapacidade laboral no mundo.

Os profesionais sanitarios engaden unha situación de «chantaxe emocional» onde a vocación é argumento para manter situacións de precariedade laboral no persoal eventual, que chegan a encadear contratos de días, semanas ou meses nos doce anos de media ata conseguir un contrato estable.

Inseguridade, precariedade e toxicidade laboral como factores de risco de mala saúde mental que, sen embargo, non se está a dar a importancia debida nos plans de prevención e saúde laboral. A OMS, xunto coa Organización Internacional do Traballo, alertou hai escasas semanas da urxencia de resolver este grave problema de saúde.

Na recente xornada do Movemento Galego da Saúde Mental tivemos a oportunidade de escoitar a persoas e representantes de distintos colectivos profesionais, que trasladaron unhas mensaxes comúns: a necesidade de crear espazos organizativos para buscar solucións colectivas a problemas colectivos. «Compartir libera» fronte o illamento da individualización dos problemas e a desmobilización que xera o medo.