Por que se suicida a xente moza?

Rosa Cerqueiro Landín MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL

OPINIÓN

CESAR TOIMIL

17 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

De seguro é unha pregunta que todas e todos nos facemos cada vez que se coñece unha morte por suicidio, e máis aínda se a persoa falecida era nova. Facernos esta pregunta ten que ver, ou vai acompañada, de reaccións de perplexidade, desacougo ou pura incomprensión. Detrás de cada morte hai unha persoa, cunhas circunstancias concretas, uns acontecementos biográficos, un entorno relacional e unhas características persoais que nun tempo determinado conflúen e se acumulan de tal modo que poden aumentar a posibilidade de risco suicida.

En calquera caso, derrúbase o mito da infancia feliz, do mesmo xeito que debera derrubarse o mito da adolescencia conflitiva ou a mocidade superficial. Hai un monto de sufrimento tal en tantas persoas que poden chegar a ver o suicidio como unha forma de deixar de sufrir. Temos que insistir que hai posibilidades de atención en momentos de especial vulnerabilidade; de que hai persoas no entorno próximo e tamén profesionais dispostos a escoitar e axudar.

Pero como sociedade non debemos mirar a outro lado, quedándonos coa idea de que o suicidio é algo individual. Non podemos eludir a nosa responsabilidade colectiva no problema e na solución. Porque existe un contexto social no que a mocidade desenvolve a súa vida. E existen determinantes estruturais que causan o profundo malestar de vivir en determinadas condicións.

Temos que falar da violencia social, aquela baseada no mantemento do poder: a violencia de xénero; a violencia doméstica; as agresións racistas ou homófobas; o acoso escolar multiplicado nas redes; o acoso nas contornas laborais. Estas violencias impactan na súa forma máis cruenta desde idades novas.

Temos que falar do modelo social e socioeconómico imperante na nosa sociedade, que reflicte todas as nosas contradicións: un modelo de competitividade que xa comeza desde moi pequenos, vidas precarizadas ata a extenuación; mobilidades forzosas co desarraigo que acompañan; incerteza no futuro e dificultades para lograr un proxecto vital viable. Todo isto mentres se nos vende a idea de que podemos conseguir todo o que desexemos, sen límites.

Temos que falar da socialización e educación de xénero, onde se internalizan roles que estreitan as posibilidades de existencia, que castiga a disidencia dos corpos, das identidades e dos desexos e que poden levar a sentimentos de culpa, comportamentos autopunitivos e un rexeitamento feroz de nós mesmas. Todos estes factores son exemplos sinalados nas investigacións como factores de risco de mala saúde mental e de suicidio.

Debemos construír unha alternativa a este desastre, superar a inercia na que vivimos, deixar de ser unha sociedade expulsiva e crear contextos nos que non habite a violencia. Empecemos por deixar de ser condescendentes coa mocidade e escoitemos as súas necesidades e propostas. Non banalicemos a saúde mental e esixamos aos gobernos que dediquen os recursos e os esforzos necesarios para cambios sostibles.