Un agasallo envelenado

OPINIÓN

PP

21 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos temos momentos memorables na nosa vida que adoitan levar equiparado algún tipo de agasallo. Os mellores que eu lembro de pequeno foron dous. O primeiro, cando o meu pai me trouxo a bicicleta, que era sen barra, das que dicían de muller, pero que, malia as mofas dos amigos, a min sempre me gustou por cómoda e porque andaba igual que as outras. O segundo foi a entrada dun Celta-Real Madrid, acompañada dun libro que incluía a historia do equipo celeste que despois, nunha cafetería pegada a Balaídos, me asinaron Amancio Amaro ou Fernández Amado. Nunca esquecín eses dous momentos e, dalgún xeito, quixen devolverllos a meu pai cando el estaba a piques de se xubilar. Con esa débeda emocional procurei atopar dous agasallos que fosen semellantes aos que eu recibira de pequeno. E case atinei porque non esquezo a súa sorpresa alucinada cando lle aparecín cunha bicicleta de nove marchas na que andou coma un meniño feliz ata caer enfermo. Mais o agasallo que, de primeiras, máis lle tocou o corazón foi a entrada que lle conseguín en tribuna un 14 de maio de 1994, grazas á cesión xenerosa dun amigo socio do Dépor que tiña algún problema cardíaco e que, con moito criterio, non quixo ver o último partido de liga contra o Valencia. E ben que llo agradeceu a súa saúde, porque todos lembramos o infarto colectivo cando Djukic fallou dende os once metros e a decepción caeu coma unha treboada sobre a cidade.

Logo de ver os resultados electorais en Castela e León e mais a euforia da extrema dereita, con Abascal pedindo a vicepresidencia para o seu candidato, moito me temo que o agasallo que Mañueco lle vén de facer a Casado está tan envelenado coma o que, sen querer, lle fixen a meu pai coa entrada daquel mítico partido.