Falar de futuro cunha única voz

Fabiola García Martínez
Fabiola García Martínez PUNTO DE VISTA

OPINIÓN

María Pedreda

26 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Son malos tempos para falar de futuro. É inevitable que a nosa visión de longo prazo quede anubrada polas inquedanzas do día a día: as precaucións para non contaxiarnos nin contaxiar aos que nos rodean, as contas para chegar a fin de mes e a lóxica preocupación polas persoas que máis queremos, especialmente os nosos maiores.

Galicia sairá desta, igual que sempre superamos xuntos todas as dificultades que salpican a nosa historia común. Pronto a pandemia será só un triste recordo e, cando ese momento chegue, debemos estar preparados para afrontar a maior hipoteca que pesa sobre a nosa comunidade: o reto demográfico.

Futuro é axudar a que as galegas e galegos teñan os medios económicos para formar con plena liberdade a súa propia familia, o seu propio fogar, sexan cales sexan as súas preferencias persoais. Futuro é facilitar a conciliación das persoas que teñen nenos pequenos ou que coidan a unha persoa dependente, para que teñan máis opcións para organizarse no seu día a día. Futuro é garantir que todas as mozas e mozos que queiran construír o seu proxecto de vida en Galicia teñan as oportunidades necesarias para facelo.

Futuro é impulsar o retorno dos galegos do exterior e atraer xente de fóra que queira vivir e traballar en Galicia. Estas dúas fórmulas xa fixeron posible que no ano 2019 a nosa comunidade crecese en poboación por primeira vez na última década.

Futuro é apostar polo reequilibrio territorial e a vertebración da nosa terra, para que todos os cidadáns, vivan onde vivan, conten cuns servizos de calidade.

Futuro é que o incremento na esperanza de vida traia consigo un incremento no benestar das persoas maiores. Todas elas son útiles e imprescindibles para a sociedade e deben contar cos apoios que necesitan nesta etapa da súa vida.

Estas seis fórmulas para ofrecerlle á nosa terra o mellor futuro posible, nas que xa se lograron avances fundamentais, están incluídas na Lei de Impulso Demográfico que se debaterá e votará esta semana no Parlamento autonómico. Os galegos levamos anos sendo pioneiros na loita contra o devalo poboacional e agora temos a oportunidade de volver selo. Galicia será a primeira e única comunidade autónoma de toda España en elevar a rango de lei as políticas demográficas.

É moi importante que Galicia fale de futuro cunha única voz. Debemos demostrarlle ao mundo unha vez máis que somos unha terra unida e que nas cuestións importantes, como a demografía, sabemos deixar de lado as liortas políticas e lograr un amplo consenso. Confío en que a Lei de Impulso Demográfico se aprobe coa unanimidade dos tres partidos do Parlamento. Debémosllo aos galegos de hoxe e, sobre todo, aos galegos do mañá.