A necesaria reforma psiquiátrica

Rosa Cerqueiro PSICÓLOGA CLÍNICA DO SERGAS E VOCEIRA DO MOVEMENTO GALEGO DE SAÚDE MENTAL

OPINIÓN

María Pedreda

03 feb 2020 . Actualizado a las 15:45 h.

O Defensor del Pueblo, a través do mecanismo nacional de prevención de tortura e outros tratos ou penas crueis, inhumanos ou degradantes, é a institución estatal encargada de velar polo cumprimento dos dereitos e as liberdades en centros como os hospitais psiquiátricos, nos que se producen ingresos involuntarios. 

En novembro do 2017, técnicos desta institución realizaron unha inspección de oficio ao Hospital Psiquiátrico de Conxo. O resultado foi un informe demoledor sobre as condicións de ingreso dos doentes, a falta de mecanismos de control que aseguren un adecuado seguimento asistencial, a existencia de prácticas insostibles, como as contencións mecánicas ou a sobremedicación, a falta de participación activa dos internos no funcionamento do centro hospitalario, a carencia de persoal necesario para dar unha atención de calidade ou as malas condicións estruturais do edificio no que viven moitos doentes desde hai varias décadas.

O Defensor del Pueblo leva dous anos solicitando á Xunta de Galicia resposta ás recomendacións emitidas por esta institución. No 2018 emitiu a recomendación de que á maior brevidade posible puxera en marcha un plan integral de adaptación das condicións estruturais e funcionais do hospital. En setembro do 2019 constata a existencia de contencións mecánicas de duración desmedida e imprecisión dos datos que achega a Xunta de Galicia como explicación.

Aínda están a esperar a resposta da Administración galega.

É un síntoma. O Hospital Psiquiátrico de Conxo é o último reduto dun modelo de psiquiatría previo á reforma ordenada na Lei Xeral de Sanidade de 1986. Un lugar afastado da concepción actual do modelo comunitario da atención psiquiátrica, fortalecedor das competencias e capacidades das persoas, e onde os dereitos humanos son a vía regia para toda actuación sanitaria.

A lentitude inescusable da Xunta de Galicia na colaboración obrigada co Defensor del Pueblo simboliza a desidia da Administración para culminar a necesaria reforma psiquiátrica en Galicia. Non se trata só do Hospital Psiquiátrico de Conxo: é toda a rede asistencial de saúde mental a que necesita avanzar cara a un modelo sostible, onde dereitos, participación e equidade sexan os ingredientes terapéuticos esenciais.

O progreso, cada vez queda máis claro, vai estar asentado na forza que poñamos a cidadanía, os profesionais e os colectivos de primeira persoa na defensa dunha atención á saúde mental baseada nos dereitos.