A educación, responsabilidade colectiva

OPINIÓN

María Pedreda

24 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aeducación é un dereito humano, un ben público e unha responsabilidade colectiva cun papel fundamental na cultura da paz e no avance da humanidade. A Unesco escolleu este día, 24 de xaneiro, para reivindicala. Non hai igualdade posible se non existe unha educación de calidade, inclusiva e equitativa.

Este ano o foco sitúase na educación como mellor recurso renovable da humanidade e como dereito fundamental. O lema A aprendizaxe para os pobos, o planeta, a prosperidade e a paz fala da natureza integral da educación, os seus obxectivos humanistas e o papel central que desempeña nas nosas arelas colectivas.

A aprendizaxe dos pobos refírese á integración das propostas individuais e colectivas, que implica desenvolver as potencialidades da persoa, con igualdade de oportunidades. Nesta liña, en Galicia defendemos unha escola inclusiva, que recoñece a diferenza como virtude e a diversidade como capacidade, dando así cabida a todos os talentos.

A aprendizaxe do planeta é o que nos está a reclamar a mocidade, recoñecendo a nosa responsabilidade na súa delicada situación actual. Por iso as escolas galegas están a traballar na Axenda 20/30, para acadar os dezasete Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.

A aprendizaxe da prosperidade e da paz van da man. Son a condición previa indispensable para a prevención do conflito e a consolidación dunha sociedade tolerante, democrática e respectuosa. O sistema educativo galego é multidisciplinar, comunitario, interactivo, plurilingüe e cun bo clima de convivencia nas aulas.

Xa no 1996 o visionario Informe Delors adiantaba os piares básicos da educación neste século XXI, que poderiamos resumir en aprender a coñecer, ao longo da vida; aprender a facer, adquirindo o maior número de competencias; aprender a convivir, sendo empáticos para comprender aos outros; aprender a ser, para medrar en autonomía e responsabilidade persoal.

Toda a comunidade educativa temos que perseguir un obxectivo común, lonxe de pugnas e intereses partidistas ou persoais: o desenvolvemento integral da persoa. Precisamos un consenso explícito e construtivo que marque as pautas do que é fundamental para coñecer o mundo que nos rodea, para actuar nel de modo competente, para vivir en sociedade sen agochar os nosos talentos.