A forza da emoción

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

20 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Asistín á apertura de Castelao maxistral, mostra centrada, por vez primeira na Galicia territorial, no cadro A derradeira leición do mestre. Teño dito eiquí que a aterrecedora pintura, elixida polo autor entre as láminas do seu álbum Galicia mártir, non era, no meu caso, novidade. Tiven ocasión, con 15 anos, de vela no desaparecido Centro Ourensano, volvina ollar no antigo Lar Galego do Centro Lucense -en 1985, xa Centro Galicia- na compaña de Carlos Casares, e contempleina en varias ocasiós na actual sede do Galicia, rúa Bartolomé Mitre, barrio do Once. Despois de todo, o arreguizo perante a barbarie e a sen razón, a dor que transmiten ese par de nenos chorando ao seu mestre, vilmente asasinado, foron desta vez, se cabe, máis intensos. Quizais porque esoutro día poucos puideron fuxir dunha emoción verdadeira, compartida. Desde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo -que non acertara días antes, cando o cadro chegou ao Gaiás-, e que pronunciou esta vez unha peza sen pexas nin ocultaciós interesadas, ata no grupo de alumnos do Instituto arxentino-galego Santiago Apóstol, cerne do futuro da galeguidade na capital porteña, a emoción campou tamén en Amalia e Valentín, filla e neto de Alexandre Bóveda -rostro no que Castelao simbolizou a covarde e sanguinaria represión nunha Galicia na que non houbo fronte de guerra-, no organizador -comisario non é acaído-, Miguel Anxo Seixas, nos que xestionaron a saída dunha obra de arte arxentina -si, si, como os murais de Colmeiro nas Galerías Pacífico, como o moito que alá perdura de Seoane, como arxentino é o patrimonio realizado por homes e mulleres nados en Italia, Polonia, Eslovaquia… en calquera parte, residentes nun país soberano-. Emoción dos galegos, de ideas e pareceres distintos, que alí estivemos. A derradeira leición debe ir a Ourense, porque foi un agasallo do artista, escritor e político rianxeiro aos ourensáns patriotas, encabezados por un dos Peares, Rodolfo Prada. Os que lle publicaron Sempre en Galiza e o acolleron na súa casa da Av. Belgrano, fronte por fronte do Centro Galego (onde si que perigan tres obras de Castelao e outras moitas dos grandes, onde foi clausurado o cuarto no que expirou o Guieiro). E, logo, volverá á Galicia Ideal. Onde ten que estar.