Hai unha oportunidade agora

OPINIÓN

11 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Goberno de Sánchez que tomou posesión o pasado xoves é un Goberno sorprendente. Sorprendente porque nos causou sorpresa, unha enorme sorpresa grata. Percibido positivamente pola maioría dos cidadáns, tanto a moción de censura en si como o propio Goberno, como amosan as primeiras enquisas, a dereita e certa esquerda (neste caso usando as redes), afanáronse dende o minuto un en desacreditalo. A dereita dicindo que é legal pero non lexítimo (a mesma táctica que cos gobernos de Zapatero), e que xera inestabilidade. O primeiro argumento non merece ningunha discusión entre persoas cun mínimo xa non de cultura política, senón de cultura xeral. E efectivamente, o Goberno pode ter inestabilidade parlamentaria, pero desaloxar do Goberno ao Partido Popular despois da sentenza Gürtel era un imperativo categórico, kantiano. E é certo que nos enfrontamos ao dilema weberiano da ética da responsabilidade (que, segundo Max Weber, é a propia da política) versus ética dos principios; pero neste caso, dada a súa transcendencia, e a gravidade xa non da desafección, senón a desmoralización que se estaba a producir en amplos sectores da sociedade, non existía tal dilema porque non era só unha cuestión de principios, senón de responsabilidade. E desde a esquerda alén do Partido Socialista que se manifesta en Internet, a esquerda internáutica, criticando a todos e cada un dos ministros. Dicindo que Borrell é un facha (como Serrat, Marsé e Raimon) porque tan lexitimamente como os cataláns que queren a independencia, é un catalán partidario de que Cataluña permaneza unida a España, e en consecuencia maniféstase con cataláns que pensan o mesmo; manifestacións nas que seguro hai fascistas (non moitos, no noso país hai poucos por fortuna), pero tamén vellos comunistas como Paco Frutos ou o antigo deputado de Podemos Jiménez Villarejo, ou dicindo que a ministra de Educación, Isabel Celaá, durante a súa etapa como conselleira do Goberno Socialista vasco de Patxi López, promoveu o trilingüísmo na escola en detrimento do euskera. Pretenden acaso estes críticos que os nenos vascos non aprendan inglés, cando ademais a recuperación do euskera vai como un tiro? Por certo, ao contrario da nosa lingua, que fai o camiño inverso. 

Teño percibido no meu arredor, en xentes de centro e da dereita moderada, e da esquerda, un grado de ilusión e esperanza moi elevado, tan alto que me preocupa porque tan altas expectativas -seguro que excesivas a pesar da indiscutible potencia do Goberno-, sempre acaban defraudando.

Este Goberno feminista, europeísta (que ben iso que dixo Sánchez, “Europa es nuestra nueva patria”, como me gusta) e modernizador (outra volta, despois de González e Zapatero, os socialistas modernizando o país), ten a posibilidade certa de cambiar cousas tan importantes como a lei mordaza, a reforma laboral, a Lomce, camiñar cara á laicidade (simbolicamente xa comezou), devolver o poder adquisitivo aos pensionistas, e loitar pola igualdade de xénero (parece garantido). E establecer un diálogo coas institucións propias de Cataluña para tratar de avanzar na solución do problema catalán, difícil a día de hoxe polas posicións do señor Torra e o seu Goberno. Para resolver todas estas cuestións, hai unha oportunidade agora.