Camiño, «frau» Merkel e nós

*+Xerardo Estévez

OPINIÓN

22 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Andar o Camiño de Santiago é sorprendente e estimulante, ben sexa polas endorfinas que secretamos ou por cuestións do espírito, relacionadas en boa medida coa paisaxe.

A percepción clásica da paisaxe está vinculada á actitude do Wanderer. É a visión de quen vai na procura dun balcón ao que asomarse para admirar a inmensidade do mar ou as montañas acoutadas polos ceos e, en escala minúscula, as implantacións de pobos e cidades. Todo é tan grande que nos prosternamos e parécenos sublime.

A impresión da paisaxe camiñeira é distinta. Percíbese simultaneamente na súa tripla dimensión: ao lonxe a plenitude da natureza, a media distancia o territorio antropizado e a escala íntima o goce individual que se comparte como un feito cultural e social. Ao rematar cada etapa, co seu esforzo e a súa variada escenografía, establécese unha especie de compendio de todo o visto, das súas bondades e defectos, como a vida mesma. Pero a viaxe continúa.

Cando o camiñante chega a Compostela o que espera é un exsultate de tal categoría que, ao entrar na trama urbana, pode ter algunha decepción. A paisaxe está próxima, formada por rúas, edificacións, zonas verdes. A chegada, por moito que queiramos adozala, é sempre cidade á que se entra polas periferias e, a pesar dos esforzos realizados, aínda quedan cousas pendentes. O iubilate prodúcese ao acceder á zona histórica, cando se pisa a corporeidade dunha cidade construída en pedra de arriba abaixo. E igual que acontece coa inmensidade da natureza, diante da pedra axeonllámonos, ata tal punto que moitas veces non temos capacidade crítica.

Respecto disto, algún apunte sobre o Obradoiro que non desmerece en nada a súa consideración. Agora que se acomete seriamente o plan director da catedral e está reparándose a súa espléndida fachada barroca, pódese aseverar que as présas do século XVIII por facer un escenario axeitado ao prestixio da peregrinación crearon sen querelo un problema, ao actuar como unha esponxa receptora das augas e os ventos do suroeste, agravado logo co uso do formigón e a perda de ventilación. Crearon o problema e, o máis importante, ocultaron o Pórtico da Gloria. Imaxínese na época medieval, desde o nivel da praza, a visión das imaxes polícromas reverberando á luz das lámpadas fumegantes, como nunha videoinstalación. Pero isto é historia da arquitectura, que quizais sexa a historia máis fiable porque deixa á vista por séculos acertos e erros. As pedras non enganan, os documentos a veces si.

E ao fío do inmobilismo que xera o exceso de admiración polo pétreo, ¿non chegaría o momento de reformular a torpe pavimentación da praza, que é a alfombra do conxunto monumental? As antigas fotos amósana distinta, coa estatua de Benlliure dedicada a Montero Ríos mirando cara a Igrexa, xusto aquel que introduciu o matrimonio civil na lexislación española. Por certo, o centenario da morte do gran político compostelán está pasando inadvertido en Galicia.

Estes días visítanos a chanceler Merkel, emulando a Helmuth Kohl, a quen recibín en Raxoi con Felipe González en 1995. Alguén debería dicirlle que o Camiño de Santiago pasou de ser un fenómeno europeo a unha manifestación global sen parangón e, xa no Obradoiro, comentarlle que a harmonización de arquitecturas e estilos contrapostos responde a un acordo político dos poderes reais, eclesiásticos e civís.

A idea de Europa estivo sempre presente en Compostela e no seu Camiño. A nova Europa terá que se basear na concertación dos diferentes pensamentos, culturas e necesidades dos seus cidadáns.

En todo caso, grazas, frau Merkel, por querer andar o Camiño.

Xerardo Estévez é arquitecto.