Vinte anos de dereito á saúde

| FRANCISCO CERVIÑO GONZÁLEZ |

OPINIÓN

24 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

HOXE, 25 de abril, cúmprense 20 anos da promulgación da Lei Xeral de Sanidade, coñecida como a Lei Lluch, porque foi este ministro do primeiro Goberno de Felipe González quen a impulsou. Esta lei, unha das máis importantes da democracia, definiu un modelo para o sistema sanitario, hoxe aceptado -cando menos en teoría, porque algúns gobernos conservadores autonómicos (Valencia e Madrid, nomeadamente), aínda que non a cuestionan formalmente, si o fan, ao meu xuízo, pola vía dos feitos-, aceptado, dicía, por todas as forzas políticas. Forzas que á dereita e á esquerda non a apoiaron no seu momento. A Lei Xeral de Sanidade supuxo a universalización da asistencia sanitaria, o que produciu de xeito inmediato que cinco millóns de españois que non tiñan o dereito á asistencia a adquiriran no momento da súa promulgación; introduciu a xestión moderna nos hospitais, manténdose dentro do ámbito do público; puxo en marcha un novo modelo de atención primaria que cambiou radicalmente a calidade de asistencia aos cidadáns; e levou o financiamento sanitario de seiscentos mil millóns de pesetas anuais no ano 1983, a catro billóns e medio no 1996. A Lei Lluch puxo as bases dun dos mellores sistemas sanitarios do mundo, un sistema de atención que ten, porén, problemas serios no nivel micro (listas de espera, masificación das urxencias), derivados dun financiamento aínda insuficiente, a pesares do esforzo feito este ano polo Goberno de España, froito da Conferencia de Presidentes convocada ad hoc polo presidente Zapatero, e que para Galicia supuxo unha inxección de máis de 300 millóns de euros anuais no orzamento vixente e subseguintes; e froito tamén de cuestións organizativas e de xestión. Esta lei deseña tamén os servizos de saúde das comunidades autónomas, e transforma un sistema de seguridade social nun Sistema Nacional de Saúde financiado por impostos e non por cotas, moito máis xusto, moito máis redistributivo, un factor clave de cohesión social. En definitiva, como dixo o presidente Pérez Touriño na homenaxe rendida días pasados na sede da Consellería de Sanidade a Ernest Lluch, a Lei Xeral de Sanidade converte o Sistema Nacional de Saúde na xoia da coroa do Estado de benestar. Nese acto, Rosa Lluch, filla de Ernest Lluch, afirmou que a boa política cambia a vida da xente. A Lei Xeral de Sanidade cambiou a vida de moita xente, sen dúbida algunha. Por iso, ao conmemorar o 20 aniversario desta importantísima lei, homenaxeamos ao seu impulsor, porque, como se di no baseamento do busto descuberto na sede da Consellería de Sanidade, «converteu a saúde nun dereito».