Nélida Piñon, a palabra arrancada do corazón de Galicia

OBITUARIOS

Nélida Piñon nunha fotografía do 2008
Nélida Piñon nunha fotografía do 2008 ÁLVARO BALLESTEROS

A autora brasileira partiu do biográfico para inserirse na literatura universal

19 dic 2022 . Actualizado a las 08:36 h.

Cando era nena, o pai de Nélida Piñon agasallouna cun conxunto de ferramentas a escala das súas mans infantís: «Todo en miniatura, para que puidese sachar a terra, un cinto e unha peza de coiro para gardar o pan». A futura escritora escaravellaba nos predios da súa avoa Isolina, como unha Deméter, a nai grega da terra, para que, «mediante os seus poderes de deusa, puidese eu chegar ao corazón de Galicia». O froito máis prezado que lle arrancou a ese Cotobade dos seus devanceiros de raíces inmemoriais —«penso que teño polo menos cinco mil anos na miña xénese»— foi o da palabra.

A partir de entón, a lingua, o seu portugués brasileiro, foi a ferramenta de prospección que a converteu en autora. Con ela indagaba como sachaba, a cultivaba ata florecer, trazando regos que a conducían en múltiples direccións. Os seus libros eran sucos que desenterraban realidades a través do relato. Inventar, segundo ela, era «levar fóra o que se ten dentro». E a forma que adquiría, a narración, a fábula, era unha das artimañas da historia para espertar a nosa atención, como explicou no seu discurso cando a RAG a nomeou académica de honra, e o sostén que permitía a convivencia ente vivos e mortos. Entre estes últimos, os seus propios, os seus «grandes mortos».

A súa obra capital, A república dos soños, era unha viaxe de volta a través da palabra, un desandar o camiño do seu avó Daniel —«aventureiro, belo»—, os chanzos que levaran a Nélida a nacer en 1937 en Río de Xaneiro. Os personaxes de Venancio e Madruga encarnaban as vidas de tantos galegos que se espallaran polo planeta, «seres trasladables» a quen a súa «vocación mestiza» lles permitira coser con éxito as fendas de vivir esgazados entre dous mundos: «Vostedes poden estar en todas as instancias e en todos os sitios».

Ponte entre opostos

A súa traxectoria pode verse, xustamente, como unha ponte de opostos aparentemente irreconciliables. Non só das coordenadas xeográficas, senón das cronolóxicas e as da identidade. Nélida Piñon era consciente de que a literatura, esa «ópera inconclusa que reflicte o noso drama», nacía do equilibrio entre a paixón de escritora e o dominio da razón. A través dos mitos —«a conexión ancestral»—, en títulos como Libro de horas ou A casa da paixón, dialogaba coa «civilización herdada», a cultura universal que se expresaba a través do singular para achegarse ao colectivo. Esa ollada era panorámica, tanto buscaba reflectirse nos demais —«Son o outro», dicía, evocando a Rimbaud— como no seu interior. «Estou feita de aventuras, de sentimentos, da resolución de ter vivido», enumeraba. Contounos tamén nos seus libros, rastros que deixaba «coma quen deixa caer na fraga faragullas de pan que orienten aos que me queren ler». A palabra foi o sacho co que aquela nena, que buscaba o corazón de Galicia, tamén exhumou pormenores da súa vida, «coma quen desenterra Troia só para saber que existiu de facto a cidade de Príamo. A cidade que desenterrei son eu mesma».