Anxo Outumuro: «Na representación de Vilalba as entradas esgotáronse e ao rematar a xente estaba de pé aplaudindo»

x. m. r.

VILALBA

Anxo Outumuro en «Iribarne»
Anxo Outumuro en «Iribarne» Geraldine Leloutre

O actor é un dos protagonistas de «Iribarne», a obra que se centra na figura de Fraga

25 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

ButacaZero chega este sábado ao Auditorio de Ourense (20.30 horas) coa súa proposta escénica «Iribarne». A montaxe sobre o texto orixinal de Esther F. Carrodeguas, e dirixida por Xavier Castiñeira, estará na cidade dentro da xira na que esgotan entradas en toda Galicia, logo do éxito da súa estrea e tempada en Madrid —estivo no Teatro Valle Inclán do 12 de outubro ao 12 de novembro—. A obra é unha produción da compañía galega co CDN e a MIT de Ribadavia e está protagonizada por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Lidia Veiga e Anxo Outumuro (Barbadás, 1997). O ourensán destaca a acollida que está tendo a proposta e o percorrido da mesma.

—Como foi a posta en marcha do proxecto?

—Intensa e difícil polo que levou consigo de investigación, análise e demais. No noso caso, no dos actores, con moitas horas de traballo pero nunhas condicións moi boas ao contar co apoio do Centro Dramático Nacional e ter toda a súa infraestrutura ao noso dispor.

—Costa manter a atención do público durante tres horas?

—Este é un proxecto moi esixente, porque poderíamos dicir que son varias obras nunha. Son tres horas, tres espectáculos, tres estilos e tres formas teatrais para abordar épocas diferentes e darlle a cada etapa unha singularidade. Do que me pregunta para nada: o espectador métese moito e cando chega ao descanso parécelle imposible que pasase case hora e media.

—Había morbo pola presenza en Vilalba. Como foi?

—Era evidente. E precisamente como Fraga era de alí escolleuse como lugar para facer a primeira sesión en Galicia. Foi a primeira representación en galego e tamén se lle introduciron cousas que non estaban na montaxe inicial. As entradas esgotáronse, a xente quedou ata o final e ao rematar estaba todo o mundo de pé aplaudindo.

—Como está sendo a xira?

—Moi ben. Onde non se esgotaron as entradas, que practicamente foi na maioría dos lugares por onde pasou a obra, o aforo superou o 90 ou 95 %.

—Ribadavia é a meta?

—A MIT participa no proxecto e alí estaremos. Pero xa temos datas para o outono.

—Un Fraga recreado por todos os actores dá valor engadido?

—Si, porque todos somos Iribarne nalgún momento da obra e non hai tempo para o aburrimento. É unha montaxe moi dinámica, áxil, na que os personaxes entran e saen constantemente.