Medio século coleccionando a historia dos oficios de Galicia para abrir un museo en Samos

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA SAMOS / LA VOZ

SAMOS

Alberto López

O carniceiro Pío Préstamo reuniu centos de pezas de ata máis de 200 anos dende 1974 para abrir aos seus 83 anos o primeiro Museo Etnográfico da localidade

28 mar 2024 . Actualizado a las 20:41 h.

Pouca historia máis pode mostrar o pobo de Samos. Ao Camiño de Santiago, o Mosteiro ou a torre do reloxo únese dende onte o Museo Etnográfico de Pío. O carniceiro local puido facer realidade aos 83 anos a idea que tivo hai máis de 50. Pío Préstamo reuniu nunha sala xunto ao comercio familiar centos de pezas de ata máis de 200 anos recollidas por toda a provincia. «Algunhas delas xa non se poden ver en case ningún sitio», asegura o samonense. Son utensilios que xa non se empregan de oficios ou labores tradicionais. Os veciños do municipio puideron ver a colección este xoves por primeira vez, xuntando a inauguración coa da nova praza Vergara Vilariño.

Pío é coñecido por toda a comarca por ser o carniceiro de referencia de Samos, aínda que non se dedicou a este traballo toda a vida. Naceu na parroquia de Freixo, pero mudouse primeiro a Valladolid para facer o servizo militar e despois emigrou a Francia. Pasou 19 anos traballando como carpinteiro nunha localidade a 30 quilómetros de Xenebra: «Alí sempre íamos ás festas». Aínda que non o confesa, deste oficio seguramente quedoulle intrínseco o coidado das ferramentas. Todas as pezas do museo están perfectamente conservadas.

Cando volveu para o seu Samos natal, en 1983, abriu a carnicería xunto a agora praza Vergara Vilariño, onde traballou ata a súa xubilación e agora continúa o seu fillo. Este oficio foi, en parte, o que lle permitiu ir coleccionando tesouros.

Pío comezou a recompilar pezas no ano 1974. Tiña uns 34 anos e sempre lle gustaran os obxectos antigos. Ten algún incluso anterior á farmacia de Samos. Préstamo tiña que moverse por toda a provincia para ir polos becerros dos seus clientes, e cando entraba nas súas casas, vía moitas veces que tiñan ferramentas e obxectos que xa non utilizaban pero el sabía o valor que tiñan. Non económico senón como gardiáns da historia dos oficios de Galicia. «Teño cousas do Courel, Quiroga, Fonsagrada, Asturias, de Samos...». A maioría das pezas son compradas e moitas outras conseguiu que a xente llas cedera porque non lle daban uso.

ALBERTO LÓPEZ

Así, logrou compilar na súa casa un almacén enteiro de labores tradicionais que xa pasaron á historia. Todos están recuperados e no propio museo pódese ver como se empregaban —se un ten a sorte de que Pío teña cinco minutos para poñerse mans á obra—. Conserva un tear, que onte tiña incluso tecedeira, unha serra de aire ou unha fragua. Todas funcionan perfectamente. Por exemplo, tamén conseguiu o pelexo dunha cabra que ten uns 80 anos e que se usaba na zona para pisar as castañas. Ademais, reuniu os elementos dunha lareira para recreala ao detalle.

Como o coleccionismo o acompañou toda a vida porque é a súa afección, tamén ten pezas de Francia, como varios candís dos que aínda lembra a luz que lle daban cando vivía noutro país. No teito, as novas lámpadas xúntanse a algunhas de velas que son anteriores a luz eléctrica. Os centos de pezas que conforman o museo non son todas as que Pío reuniu, aínda ten máis gardadas. Foron suficientes para ser unha boa mostra que conquistou a todos os seus veciños. Algúns deles axudárono a restaurar ferramentas ou acondicionar o local.

O museo é unha iniciativa privada e totalmente altruísta. Pío Préstamo só quere gardar co material algo que transcende ao tanxible: a propia historia de Galicia. A súa familia estalle axudando a crear unha páxina web para publicitar o centro e os interesados poden concertar unha cita para velo no 982 546 014.

Fiz Vergara xa ten a súa praza

O goberno local, ca alcaldesa do BNG Chus López á fronte, familiares, veciños e membros da asociación Ergueitos descubriron onte a placa conmemorativa da nova praza co nome Vergara Vilariño. «72 anos despois dámoslle o seu sitio», defendeu López. Ademais, non calquera, senón no Camiño e coa mellor vista do Mosteiro.

Samos inaugurou este xoves un novo espazo para vecinños e peregrinos no que sempre coñecer ao poeta de Lóuzara. Volveron reivindicar un Día das Letras Galegas para o autor samonense.