Riotorto amosa o seu amor ao ferro

X.M.P. VILALBA / LA VOZ

RIOTORTO

ALBERTO LÓPEZ

O domingo celébrase unha nova edición da feira dos ferreiros

12 abr 2019 . Actualizado a las 22:23 h.

 Domingo • Todo o día • Riotorto foi un exemplo de como o traballo do ferro medrou en séculos pasados ata converterse case no traballo simbólico nesta zona da Galicia oriental. Os tempos cambiaron, os costumes mudaron e a sociedad foise transformando; porén, o labor dos ferreiros que aínda quedan non só conserva as cualidades do oficio senón que posúe, ademais da utilidade, o valor do atractivo turístico.

 A feira da artesanía do ferro, xurdida na pasada década, tense convertido no acontecemento máis importante dos que se desenvolven no concello ao longo do ano. A presenza de artesáns de Riotorto e doutros que chegan do resto de Galicia xera unha animación cuxo poder de convocatoria se nota fóra de Galicia.

Unha lembranza dalgún texto do século pasado amosa ata que punto o traballo co ferro era visible no concello. En Ferreiravella había 27 forxas; en Espasande, 17, e en Riotorto, dúas. Son datos recollidos no volume «Etnografía mindoniense», que inclúe traballos do historiador Eduardo Lence-Santar, cronista oficial de Mondoñedo dende 1917 ata 1960. Nesa obra, un conxunto de textos preparados polo profesor Armando Requeixo, explícase que cada ferreiro adoitaba ser dono da súa forxa, na que dirixía os traballos e tiña a axuda dos espalmadores.

Daquela os fouciños, de diversos tipos, supoñían boa parte da produción das forxas, sen esquecer os coitelos, as colmeiras, as machetas ou as gadañas. Eran tempos en que as case cincuenta forxas, coa devandita distribución no concello, podían fabricar ao ano 184.000 fouciños. Cada un tiña un prezo medio de seis pesetas, co cal o volume económico das forxas supoñía ao ano, só por esa parte do traballo, máis dun millón de pesetas (6.000 euros de hoxe) de facturación. Os datos aparecen nese volume de Eduardo Lence-Santar, que non deixa de subliñar a dureza do traballo, que comezaba ao amencer e remataba ao anoitecer.

As circunstancias son outras, se ben o destino da produción, adaptada a estes tempos, aínda conserva algún trazo. Coitelos e fouciños fabricados en Riotorto teñen saída dentro de fóra de Galicia, con compradores que recoñecen a calidade dos produtos e a sabedoría dos artesáns.