Nacen Os nabos de Gracián, en Castroverde: «A xente ten a mesma necesidade de cultura no rural ca na cidade»

Laura López LUGO / LA VOZ

CASTROVERDE

O grupo cultural Os nabos de Gracián preséntase en Castroverde
O grupo cultural Os nabos de Gracián preséntase en Castroverde CEDIDA

Este novo grupo literario, que busca pór en valor a cultura no rural, preséntase este venres no colexio castroverdés co seu primeiro libro colectivo, no que abonda a crítica e o humor

20 mar 2024 . Actualizado a las 13:05 h.

Os nabos de Gracián son máis ca unha hortaliza superlativa desta parroquia de Castroverde. Son tamén o símbolo da denuncia da «distorsión informativa» e dan nome a un novo grupo cultural e creativo inspirado no rural, que se presentará este venres en Castroverde. Os nabos de Gracián, formado por escritores galegos, busca pór en valor a cultura rural.

A posta de longo terá lugar o día 22, ás 20.00 horas, no CPI Plurilingüe de Castroverde, e nela aproveitarán para presentar o seu primeiro libro conxunto, Os nabos de Gracián, editado por Medulia Editorial. Ademais dos autores (Fernando Juan Morado «Cone», Xesús Trashorras, Manuel Vázquez, Xesús Bermúdez Tellado, Edu Carreira e Eduardo Carreira a título póstumo), no acto tamén estará a autora do prólogo, Ánxela Gracián; a concelleira de Cultura de Castroverde, Pilar Ferreiro; e a artista Marta Cuba, que ofrecerá unha actuación de danza contemporánea.

Un dos impulsores deste novo colectivo cultural é o escritor de Mondariz Fernando Juan Morado, «Cone»: «Estabamos confinados e algúns de nós publicabamos contos ou poemas en redes, sen coñecernos de nada. E un dos peores días da pandemia, cando o país estaba sumido na tristeza e no caos absoluto, nun telexornal da TVG dedicaron máis tempo a falar dos nabos de Gracián, en Castroverde, que da traxedia que se estaba a vivir no país. Fixeron unha nova de media hora sobre os nabos, coma algo asombroso, pero non foi no Galicia Noticias, senón no propio telexornal. E a min deume por escribir un soneto sobre iso, crítico e en clave de humor», conta Cone. A raíz diso, Xesús Trashorras contestou con outro soneto no Facebook. E comezaron a conectarse uns con outros.

Relatos e poemas

Cando pasou a pandemia, empezaron a reunirse e a participar xuntos en recitais e outros actos culturais: os autores do libro e tamén Sonia Melón. Con todo ese material, hai case dous anos decidiron facer algo xuntos, e xurdiu a idea do libro, heteroxéneo, con relatos, poemas, humor, historia, reivindicación, misterio e amor, todo co fío da crítica. «A esencia do libro e da literatura galega está moi radicada no rural», aclara Cone. Ademais, decidiron incluír textos de Eduardo Carreira (1941-2008), pai de Edu Carreira: «Foi unha persoa moi querida, director do colexio de Castroverde e, a pesar de ter moitas cousas escritas, non tiña nada publicado».

Ademais do libro, Os nabos de Gracián preséntanse con vocación de permanecer como grupo de desenvolvemento cultural do rural: «É un intento de destacar a importancia da cultura no rural e a súa elegancia, non con ánimo de rescate, senón poñéndoa en valor. A xente ten a mesma necesidade de cultura no rural ca na cidade e queremos cubrir, na medida das nosas posibilidades, a demanda cultural dun rural esixente e informado», matiza Coné.

Por outra banda, teñen previsto crear unha revista no futuro, e continuar coas presentacións do libro.