Unha viaxe á Idade Media no concello lucense das Nogais

FERNANDA FOLLANA

AS NOGAIS

A recuperación da torre de Torés é unha aspiración de veciños das Nogais.
A recuperación da torre de Torés é unha aspiración de veciños das Nogais. FERNANDA FOLLANA

Veciños de Torés queren recuperar e promocionar o camiño medieval

15 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O camiño entre Doncos e Torés, con dúas torres baixomedievais como testemuña e bandeira dun pasado esplendoroso, transpórtanos, no corazón do concello das Nogais, a un tempo de castelos, supersticións, linaxes e princesas, protagonistas das lendas máis apaixoantes do acervo cultural da Montaña: como a da torre de Doncos ao pé do río Navia, que conta como os cabaleiros templarios protexían aos peregrinos dos ataques dos sarracenos; ou a de Diego Bolaño Rivadeneira, señor de Torés, do que se di que no ano 715 conseguiu que os musulmáns abandonaran o sitio da cidade de Lugo lanzando dende a Muralla bolos e años como proba de que os lucenses contaban con provisións dabondo para resistir o asedio. De bolos e años proviría o apelido Bolaño.

Esta herdanza histórica atópase en boas mans cos veciños de Torés que queren recuperar e promocionar o camiño medieval para que a súa vila sexa visitada. Con este obxectivo de preservar e dar a coñecer o patrimonio, Sergio Fernández Fernández, da Casa do Campo do Partido, ten elaborado un amplo dosier con todo tipo de documentación relacionada co pasado da vila.

«Gústame moito a historia e para min é moi importante coñecela e divulgala para que o que temos non se perda», xustifica Sergio Fernández, autor dun cartaz resultado de moitas horas de busca e dedicación con fotografías, copias de escrituras, distintas publicacións e ata un inventario dos bens do castelo no século XVIII, a partir do cal el mesmo construíu unha réplica a escala, en pedra propia da zona, do que tería sido daquela o castelo de Torés.

A uns centos de metros da torre da homenaxe, o único que resta do castelo en perigo de derrube, a Casa do Campo do Partido, é todo un museo histórico e etnográfico, unha mostra de como as accións particulares están a manter o patrimonio e a cultura no rural galego.

Un camiño medieval de peregrinación xacobea

O camiño medieval entre Doncos e Torés por Vilasteba continúa por terras de Becerreá cara o convento de Penamaior e enlaza sen dificultades orográficas coas dúas vías principais que entraban en Galicia polos Ancares na Idade Media: a vía romana XIX, que o facía polo Comeal (Cervantes) e o Camiño Francés polo Cebreiro, polo que constitúe unha boa opción para aqueles peregrinos que queiran visitar Lugo, alternativa xacobea que os veciños reivindican.

A ruta percorre sendeiros, camiños veciñais e aldeas, afastados das principais estradas de comunicación, xa que abandona o curso da autovía e a estrada nacional para atravesar o corazón rural do concello das Nogais, permitindo ao viaxeiro desconectar do presente e gozar das paisaxes máis típicas da media montaña ancaresa.

Por estes lares, a orografía invita a camiñar reparando en como os antergos buscaban o trazado máis eficiente (sen o recurso moderno dos grandes viadutos), para salvar os continuos regatos e os vagantes que escavan ao seu paso.

O camiñante atopará recunchos naturais que sen grandes pretensións o cautivarán coa beleza do sinxelo. Actualmente pódese facer pero só está parcialmente sinalizado e a vexetación pode limitar o tránsito, segundo a época do ano.