O mundo en galego

María L. Sández

LUGO

26 mar 2024 . Actualizado a las 19:12 h.

Este 27 de marzo debería ser o día da tradución, mais non o é. Celébrase, inxustamente, o 30 de setembro, día de San Xerónimo, na honra do autor da tradución da Biblia ao latín, un texto que, como é sabido, se converteu en referencia esencial a partir do cal se traduciu a moitos outros idiomas de todos os lugares do mundo. O 27 de marzo de 1572 frei Luis de León ingresou na cadea por atreverse a afirmar que a Biblia debía traducirse desde os textos e linguas orixinais, en grego, hebreo e arameo, e non desde a Vulgata de San Xerónimo en latín. Soster isto, afirmar que a Vulgata contiña erros de tradución, era, naquela altura, unha ousadía que garantía de por vida a túa condición de herexe.

A sociedade é cruel coas persoas íntegras. Frei Luis de León pasou catro anos na cadea por defender un principio básico que hoxe calquera subscribiría (que cómpre ir á fonte orixinal e evitar traducir a partir doutra tradución) e a grandeza e fermosura do seu acto ben podería xustificar que esa e non a outra fose a data escollida para celebrarmos unha profesión que debería contar con moito máis prestixio.

Xa hai 35 anos que a Biblia se traduciu ao galego (desde as tres linguas orixinais); mais, entre nós, eu optaría, para celebrarmos a tradución, un día que honrase a memoria de Darío Xohán Cabana, un tradutor meticuloso, impresionante, e un mestre absoluto na arte de verter dunha a outra lingua. Quen tiver tempo de lecer estes días, debería ir ao encontro de Dante ou de Petrarca na voz galega do noso Darío Xohán Cabana. Aínda semella que calquera día o poderiamos atopar de novo, cruzando silandeiro a praza maior de Lugo. No epílogo de Seraogna conta Alfonso Pexegueiro o que dixo cando leu, por primeira vez, uns poemas seus en castelán e se puxo a traducilos á nosa lingua: “en galego soa como Dios”. Onde estea, seguro que segue a a expresar o alén en galego.