Meus dous irmáns

Xulio Xiz

LUGO

25 mar 2024 . Actualizado a las 19:22 h.

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra: Xesús, fillo predilecto; Santi e máis eu, adoptados. Os tres honrados por Paradela, un concello de xentes garimosas e nobles, que dan cento por un aos que con eles se relacionan.

Teño dito que para un fillo único pode ser difícil asumir un vencello de irmandade, pero eu teño a vantaxe de ter casado en familia numerosa, e ter amigos ao nivel de irmáns por relación fraterna. E cando un perde un irmán é como se perdese un sentido, parte da vida.

Se do irmán maior xa dixen a miña dor, teño que centrarme en Santi, fillo de emigrantes en Barcelona, que emigrou á súa vez de volta a Lugo, logo a Santiago e por fin á U.K. Na aventura inglesa, casado e cun fillo, ensinou, investigou, fíxose catedrático, triunfou lonxe pero sempre tivo en Paradela a súa patria por ser a de seu pai, o escritor Manolo Rodríguez López.

Nunca coñecín un fillo tan devoto do pai, tan coñecedor e amador da súa obra, tan entusiasta divulgador do ser e do facer do poeta obreiro que durme o sono dos xustos no único panteón municipal de fillos ilustres que existe en Galicia, onde os restos do fillo tamén van repousar.

Choro a Santi por novo e por irmán, entusiasta e traballador, polo que fixo e polo moitísimo que ía facer no futuro. E choro, con Mari, Carlos, Irene, Enrique e todos os que o admiramos e quixemos, sabendo que —bos, xenerosos e inmorrentes os tres— xa están xuntos Xesús, Manolo e Santi no «ceo dos galegos».