As linguas do Congreso

MARÍA L. SÁNDEZ

LUGO

23 ago 2023 . Actualizado a las 18:48 h.

O emprego do galego, o catalán e o éuscaro no Congreso e no conxunto das institucións do estado é, simplemente, unha cuestión de lóxica e de xustiza. Que Europa se sume ao recoñecemento da diversidade de linguas do seu territorio é, por outra banda, un acto de mera coherencia. Se a identificación de Europa coa súa diversidade, plasmada na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, non fica en mera retórica, entón o uso e a visibilización desa diversidade lingüística é un acto de necesidade.

Malia que, con excepción do éuscaro, as linguas do estado son irmás, tipoloxicamente afíns e doadamente intercomprensibles, o certo é que aquí é doado chegar á idade adulta tendo oído máis chinés ca catalán. A min sempre me amolou que cando alguén fala en catalán nun medio de comunicación baixen o audio orixinal e impoñan a tradución por riba. Só con que nos deixasen oír e subtitulasen, axiña se faría evidente para o conxunto da poboación a capacidade de comprender e, a través diso, de coñecer e valorar.

En canto ao éuscaro, a súa enorme distancia tipolóxica convérteo nunha xoia: é unha lingua única, un tesouro lingüístico que sobreviviu á expansión do latín co Imperio Romano e á do castelán na Idade Media. Que se perdese o éuscaro en pleno século XXI sería comparable a destruír, por un dicir, as pirámides de Exipto, o Partenón de Grecia e a Catedral de Santiago. Nos anos 50 aínda estivemos a piques de perder a Muralla de Lugo: logo abrazámola entre todos e fixémola Patrimonio da Humanidade. Agardo que algún día se mire co mesmo arrepío o momento no que algúns pensaron que era máis práctica a estrada da lingua única. E cómpre, como coa muralla, unha longa cadea humana na que apoiemos e abracemos os nosos idiomas: patrimonio inmaterial da humanidade.