«A ciencia dinos das algas o que os labregos xa sabían»

j. v. lado / m. rey CEE, CARBALLO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

A investigadora destaca o uso fertilizante e valora que sexa un producto natural

24 oct 2014 . Actualizado a las 05:03 h.

Elvira López Mosquera (A Coruña, 1962), ademais de profesora de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela na Escola Politécnica do campus de Lugo é a directora do Instituto de Biodiversidade Agraria de Desenvolvemento Rural (IBADER). Xunto coa súa alumna de doutorado Marta Illera Vives participa nas xornadas de divulgación sobre conservación do medio ambiente que hoxe chegan á localidade da Costa da Morte de Cee -ás 13.00 horas no Fernando Blanco e ás 20.00 no salón de actos do Concello- co aproveitamento das algas na agricultura como tema central.

-¿Sabía que na Costa da Morte aínda se empregan de xeito tradicional?

-Chámame á atención esa foto de Camariñas que publicou a Voz estes días e alégrame porque iso permitiranos intercambiar experiencias coa xente que acuda o venres, aínda que o certo é que ese aproveitamento tradicional mantense de xeito un pouco anecdótico, porque as algas conteñen moita auga, é unha labor custosa recollelas porque non hai apenas mecanización.

-¿Por que son tan interesantes para o emprego na agricultura?

-Son un recurso importante porque teñen unha calidade como fertilizante extraordinaria e estaría ben empregalas como se fixo sempre ou elaborar algún tipo de abono. Utilízanse moito noutros campos como o cosmético ou o alimentario, pero no eido agraria hoxe en día son moi pouco empregadas.

-¿Que vantaxes ofrecen?

-Son un produto natural que non leva sementes nin malas herbas, sempre que procedan de zonas non contaminadas, sobre todo por metais pesados, porque hai certos puntos na costa galega que son negros xa que as algas acumulan todo o que hai no seu ambiente. Pódense empregar por tanto na agricultura ecolóxica, por exemplo.

-¿Quen as pode recoller?

-Salvo nas zonas de rochas, que fai falta permiso da Xunta e carné de mariscador, co cal xa é máis complicado, a gran maioría das que hai en Galicia son de arribazón, traídas polas mareas e estas que chegan ás praias pódeas recoller todo o mundo, non hai restricións

-¿Non tería entón impacto ambiental retiralas?

-Hai que ter en contra que cumpren unha función para que nelas vivan outros organismos, para postas de ovos e demais, co cal sempre habería que deixar unha parte -non sei un 20 % por poñer unha cifra porque hai que estudalo- pero danse casos na Mariña de Lugo, que temos analizado, nos que se xunta metro e medio de espesor de algas.

-¿Por que son tan boas para os cultivos agrarios?

-As pardas, que son as que fundamentalmente hai aquí na costa galega, conteñen sustancias que melloran a estrutura do solo, fano máis doado de traballar, retén mellor a auga e déixalle entrar máis aire ás raíces. Ademais nos solos galegos compenso o maior responsable da acidez que é o aluminio. Compléxano e deixan libres outros elementos importantísimos como é o fósforo. Tamén son ricas en potasio, por iso lle van tan ben ás patacas, e conteñen moitos micronutrientes como ferro, manganeso, zinc,... Por outra parte, hai algunhas que xa de por si son calcáreas e sempre levan restos de cunchas areas que fan o efecto do cal, algo tan importante nos solos de aquí que son moi ácidos.

-¿Que se está facendo noutros lugares do mundo con elas?

-A nivel mundial estanse elaborando extractos, cos que hai que ser cautos porque moitas veces o que conteñen non ten nada que ver co que son os valores das algas, pero confírenlle resistencia ás plantas fronte a enfermidades provocadas por patóxenos, secas e demais. Os seus beneficios é algo que cada vez que se coñece más porque se fan estudios científicos, pero esas propiedades das algas xa as sabían os labregos da costa de maneira empírica.

-¿Que se fai en Galicia?

-Moi pouco. Algo en Arousa, Ecocelta en Ponteareas, que mestura esterco de polo con algas; Ceamsa no Porriño que empresa un subproduto, pero é todo practicamente anecdótico.

-¿Por onde vai a investigación da súa alumna Marta Illera?

-Está estudando un compós feito con algas, restos de peixe e casca de piñeiro. A empresa de Foz-Burela Pescados Rubén fai fileteados de peixe de distintas especies e teñen un subproduto: cabezas, espiñas,... que quería aproveitar. Ela está vendo como todo iso funciona como fertilizante e substrato.