Un mozo preparado e intelixente trala decepción con Benítez

Adrián Rubio VIGO

GRADA DE RÍO

XOAN CARLOS GIL

13 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Rafa Benítez xerou unha ilusión no celtismo que foi minguando co paso das xornadas. Creo que todos fixemos na cabeza unha idea que non tivo nada que ver coa realidade e supoño que se foi mantendo no tempo por temas económicos e por aguantar unha aposta moi forte. Creo que para o banco foi a aposta máis forte da historia do Celta e iso fixo que se alongase no tempo. Estou seguro de que con outro nome, non chegaríamos ata esta xornada nin moito menos.

Considero que en ningún momento foi quen de facer identificar o fútbol do Celta dos últimos anos co que el propoñía, e creo que tampouco foi quen de convencer da súa idea nin aos xogadores, nin á afección, nin á xente do club de que o seu modelo ía levar ao equipo a unha situación diferente a longo prazo. Creo que a súa estadía foi decepcionante para todas as partes e quédame a dúbida de ser realmente necesitaba ese longo prazo, pero iso é algo que non existe no fútbol de hoxe en día.

Claudio é un mozo preparado. É moi bo adestrador, entende moi ben o fútbol e as únicas dúbidas que me achega o novo adestrador son a súa inexperiencia e se na elite poderá manter os seus ideais futbolísticos. No primeiro aspecto, hai que ter en conta que en calquera actividade laboral da vida, só se consegue experiencia a través de partidos en categoría profesional neste caso e iso sempre sería un hándicap para el en calquera momento.

A outra dúbida é se esta situación lle dá para manter os seus ideais balompédicos ou se vai ser capaz de adaptarse a un fútbol ao que non nos ten acostumados, porque pouco ou nada ten que ver o modelo que estamos vendo de Claudio no filial co que necesita a día de hoxe o primeiro equipo.

Creo que a plantilla do Celta non ten xogadores para a súa idea (5-2-3), para unha esixencia que seguramente os rapaces do filial non teñan na Primeira Federación. Por aí van as miñas dúbidas, porque dende que empezou na canteira, non estivo fóra de esa idea nunca, pero é un tipo moi intelixente e creo que iso lle vai permitir adaptarse.