O sorriso da ciencia que contaxia ilusión

Ángel Carracedo
Ángel Carracedo OPINIÓN

GALICIA

MARISOL SOENGAS
MARISOL SOENGAS

25 jul 2023 . Actualizado a las 08:25 h.

Tocan as campás na Agolada, en Fonfría, na Galicia enteira por ter recibido Marisol Soengas o Premio Fernández Latorre, un dos máis prestixiosos da nosa terra e a segunda vez que se lle dá a unha persoa que dedica a súa vida á ciencia. Non podía ser mellor elixido polo que Marisol fai e representa.

Estamos, sen dúbida, ante unha das científicas máis destacadas do país e con contribucións de enorme importancia para entender o melanoma, un cancro que tantas mortes causa ao ano. Marisol Soengas non recorda por que lle deu por escoller Bioloxía, pero estaba claro que xa de nena lle motivaba a investigación, o entender o porqué das cousas, e pedía xogos de química como regalo de Nadal e enganchábanlle os programas de ciencia.

O caso é que, primeiro na Universidade da Coruña e logo na Autónoma de Madrid, fixo unha brillante carreira que lle permitiu entrar no grupo de Margarita Salas no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa. Non sei como facía Margarita para ter tanta capacidade para atraer talentos e estimulalos para facer unha carreira científica, pero case sempre, como foi o caso de Marisol, acertou. Foi logo na súa estancia en Cold Spring Harbour de Nova York cando decidiu dedicarlle a vida ao melanoma. A verdade é que era un reto científico notable, un tumor tan agresivo e que ten a singularidade de mutar máis que ningún outro.

A partir de alí, e logo xa co seu equipo no Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO), no que dirixe o Grupo de Melanoma, non parou de lograr avances importantes no entendemento deste cancro. Algún deles, como os mecanismos biolóxicos que levan a algunhas células cancerosas a autoinmolarse, abre posibilidades terapéuticas para atoparlle algún día unha cura e contribuír a que este cancro vaia tendo xa posibilidades de tratamentos dirixidos de acordo ás súas características moleculares. Marisol ten moitísimos premios e recoñecementos, e estou seguro de que o Fernández Latorre lle vai facer ilusión especial, pero por riba de todo é unha muller que adora a ciencia, que loita diariamente polo recoñecemento do papel da muller na ciencia, que impulsa vocacións científicas, que divulga e que, aínda que traballando en Madrid e andando polo mundo adiante, sempre que pode vén á súa terra, onde se sente feliz, e presume de galega alá por onde vai.

E, ademais, ten sempre un sorriso e unha alegría que a fai especial. Contaxia ilusión. Como ben di o seu grande amigo Xosé Bustelo, outro extraordinario científico do cancro (e que ben se pode aplicar o conto), igual que ela intenta aproveitar o punto fraco das células tumorais para combatelas, a ver se aproveitamos a debilidade deles pola súa terra para facerlles ofertas atractivas e telos aquí de volta.