«O que pasou agora co violador do estilete era visto»

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

«Xente coma esta tiña que estar toda a vida no cárcere», di

18 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

No mes de setembro cumpriranse 22 anos da morte da filla da vilalbesa Isabel López Rey. José María Real López, raptouna cando volvía da escola, logo violouna nunha carballeira e matouna. Abandonou o seu corpo e fuxiu. O asasino de Maruchi -como así se chamaba a nena de 9 anos- foi condenado a 56 anos de cadea en 1994 e xa está na rúa ao serlle aplicada a denominada doutrina Parot. Con el tamén saíu Félix Vidal Anido, o violador do estilete, que novamente se encontra na cadea logo de tentar atacar a unha muller en Lugo. Hai catro meses, cando os dous violadores deixaron o presidio, Isabel López Rey, na aira da súa casa, advertiu a quen isto escribe: «Xa verás canto tardan en volver ás andadas».

-Vostede, como nai afectada, anticipou hai meses o que podería denominarse crónica dunha reiteración anunciada. Supoño que agora, cos novos acontecementos, estará moi preocupada...

-O que pasou agora co violador do estilete era visto. Tarde ou cedo tiña que pasar. Que tardase dous meses, tres meses... Pois tardou catro. Evidentemente sigo o caso co máximo interese e estou moi preocupada porque pode haber máis vítimas, o cal sería moi grave.

-Toma doutrina Parot, estará pensando vostede...

-Mire, iso que chaman doutrina foi excelente para eles, para os violadores: conseguiron saír das cadeas. Pero saíron, non se esqueza, para facer máis mal que ben e xa se está vendo. A esta xente, por chamarlle dalgunha maneira, baixo ningún concepto tiña que serlle aplicado ningún beneficio. Pero quixeron facelo así e xa se están vendo as consecuencias.

-¿Cre que agora hai que deixar en liberdade ao violador do estilete?

-Este momento é clave. Agora é cando hai que atender esta situación. O fiscal paréceme que xa está a facer todo o posible para que este home non saia da cadea. Pero tamén os xuíces terían que preocuparse e darse conta de que xente así pode volver facer o mesmo en calquera momento. Evidentemente, considero que ten que estar en prisión.

-Vostede sempre mantivo a necesidade de que se aplique a cadea perpetua neste tipo de casos...

-Os violadores, xente coma esta, tiñan que estar toda a vida no cárcere. Só vale a cadea perpetua. Poñelos en liberdade é rirse de nosoutros as vítimas. A condena ten que ser impedir que volvan a saír dos cárceres para evitar que repitan os feitos.

-¿Considera posible a súa recuperación?

-Esta xente, por moito que se diga, non se recupera. Non son estudada, pero preocupeime por ler algo do tema. Volven caer. Por iso son necesarias medidas. Agora é cando hai que adoptalas, e de xeito urxente para evitar que pase algo grave.

-O home que matou á súa filla, logo de ser rexeitado en Almagro, onde fixara a súa residencia, parece estar en paradoiro descoñecido. ¿Que sabe del?

-Non sei nada, nin quero sabelo porque Deus me aparte de que o soubese... O que lamento profundamente é que colla a unha nena e lle faga dano. Dóeme por ela e pola súa familia. Máis cedo ou máis tarde, farao. Iso é o que máis me preocupa.

-Vostedes as vítimas son as que pagan con todo. ¿Nestes anos tivo algún tipo de apoio?

-Non. Pasan olimpicamente. É simplemente o de aguanta e tira para adiante. Non lles importamos nada. Ni ata xunto de nosoutros veñen.