Un carballo como agasallo do Museo de Historia Natural

RITA TOJEIRO / A.U. FERROL / LA VOZ

FERROL

JOSE PARDO

O voluntario que coida do xardín logrou reproducir pequenos exemplares para regalar aos visitantes e asociacións

19 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A organización do Museo de Historia Natural de Ferrol toma a iniciativa de agasallar aos seus visitantes con pequenos carballos que foron reproducidos no propio establecemento de maneira voluntaria por Salva Sánchez, que se ocupa do terreo. Un dos obxectivos principais é fomentar a conciencia social sobre a importancia das árbores, ademais de practicar activismo medioambiental coa doazón, das que non leve ninguén, á asociacións da contorna.

A parte exterior do centro comprende un terreo con especies diversas, moitas identificadas co seu nome en carteis, e outros espazos pechados que serven como viveiro para criar novas plantas. Coa fin de aproveitar as posibilidades que ofrece o emprazamento e, ao mesmo tempo, propiciar a valorización das árbores entre a poboación, dende a organización tomaron a iniciativa de obsequiar estes vexetais nas primeiras fases de crecemento.

O encargado de coidar do xardín, por vontade propia, dende hai arredor de oito anos, ademais do artífice da idea, é Salva Sánchez, administrador do Museo. Este apaixonado da natureza comezou a recoller as landras que caían do carballo que medra no terreo dende hai máis de dez anos. Decidiu aproveitalas polo gran número que produciu esta tempada, un factor variable, xa que «o ano pasado, por exemplo, deu moi pouquiñas», informou.

As sementes empezou a depositalas en setembro nuns recipientes con terra, que rega todos os días, e no momento no que se rexistraron os datos, tiña máis de dúas mil setecentas. De todas estas, naquela data xa xermolaran máis de sesenta unidades, aínda que o promotor non deixou de recolectar e incorporar landras novas ao lugar onde as deixa para que broten. Segundo o voluntario, os inzos tardan arredor de quince ou vinte días en sacar as primeiras follas, unha vez xermoladas.

«Estas landras, se xerminaran no chan naturalmente íalles pasar o cortacéspede por enriba, co cal se sobrevive algunha xa é un éxito», valorou Salva Sánchez. De todos os xeitos, o administrador previu de que «a porcentaxe de supervivencia é baixa nos plantóns», xa que dependen de diversos condicionantes coma os coidados ou as enfermidades.

«Por cada visita poden levar un carballo como agasallo do Museo», indicou Salva Sánchez. Así pois, as novas vidas do exemplar de Quercus Robur que vive na finca estarán localizadas na entrada, na repisa da ventá, para que os pequenos obteñan a luz precisa para seguir medrando, á vez que chaman a atención dos visitantes antes de saír. As árbores serán obsequiadas a toda persoa interesada, con independencia da disposición dun terreo ao aire libre. Nestes casos, aconsellan situalas lonxe das calefaccións e non telas demasiados anos.

As árbores que non foran acollidas por ninguén irán destinadas a asociacións coma os Comuneiros do Chá de Brión, que fan repoboacións con especies autóctonas de forma periódica. Esta mesma doazón se suxire ás persoas que decidan quedarse cun dos fillos do carballo do museo por un tempo e cando medren non conten con ningún terreo no que o queiran.

Os pequenos testos nos que se entregarán os carballos proceden de doazóns de xardineiros do Concello, que trasplantaron o seu contido orixinal a zonas públicas, así que xa non se precisaban e foron reutilizados. Non obstante, os recipientes levarán unha etiqueta co escudo da entidade. Asimesmo, para o resto dos cultivos cos que se involucra Salva Sánchez utilizáronse elementos reciclados como botellas de plástico recortadas.

Non é a primeira vez que Sánchez multiplica esta planta, xa que a día de hoxe ten no Museo varios carballos do mesmo pai, que xa teñen tres anos, cos que pretende crear bonsáis.

Naquel tempo tamén sementou nogais e nispereiros, procedentes de exemplares do xardín, que continúa custodiando. Ademais, reproduciu outras especies coma o piñeiro manso, teixo ou enciña.

Coma o resto da directiva do Museo da SGHN, Sánchez ocupa un cargo de carácter voluntario. O administrador leva ás costas unha longa traxectoria de colaboracións no eido da acción e concienciación medioambiental, xa que vén de participar en campañas anteriores con varias organizacións.