Fátima Díaz, investigadora: «Parga ten moita riqueza, hai que saber difundila»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS GUITIRIZ / LA VOZ

EDUCACIÓN

A foto está tirada en Ámsterdam, pero Fátima Díaz, que vive na Coruña, acode a Parga con moita frecuencia.
A foto está tirada en Ámsterdam, pero Fátima Díaz, que vive na Coruña, acode a Parga con moita frecuencia. CEDIDA

Preside unha asociación que organiza este mes un campamento internacional na vila

07 mar 2024 . Actualizado a las 18:40 h.

A pedra, base da feira da cantería que se organiza cada ano; o Camiño do Norte, consolidado como un dos principais itinerarios de peregrinación a Santiago; a ruta da auga, que discorre a carón de varios ríos, entre eles o Parga... Todos eses trazos definen un lugar coma Parga, onde a riqueza da historia ou do patrimonio histórico semella unha riqueza aínda pouco explotada. Se se quere, de todos os xeitos, ver o vaso medio cheo, a vila vai ser escenario dun encontro internacional, que ten na súa organización unha persoa de Parga.

Fátima Díaz é de Parga, estudou Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e arestora traballa como investigadora na Universidade da Coruña (UDC). Na Coruña, xunto con outra xente, puxo a funcionar a Asociación Xuvenil Motus Europa. O obxectivo é desenvolver inciativas de cooperación entre xente de diversos países de Europa con proxectos Erasmus +. O máis inmediato terá lugar do 15 ao 22 deste mes, terá como contido a introdución á educación financieira, e celebrarase en Parga, con presenza de xente de varios países (España, Rumanía, Bulgaria e Polonia) de 18 a 30 anos.

Na escolla de Parga foron decisivas as orixe de Fátima Díaz, que subliña as virtudes da vila. «Parga é un sitio con moita riqueza para o pequeno que é, hai que saber difundir esa riqueza», di. Non cre que a situación actual sexa de falta de coñecemento, e cre que a vila  ten unha sona que vai moito maís lonxe do concello de Guitiriz. «Se non fose así, a feira non estaría chea cada domingo que se celebra», engade. O que xa, porén, non semella tan doado é converter ese coñecemento nun motor de desenvolvemento; de todos os xeitos, Fátima Díaz di que non se pode esquecer a capacidade das redes sociais, pero tentando que esa difusión estea un pouco controlada.

Nas xornadas participarán 25 persoas. As sesións terán lugar en horario de mañá e de tarde, e espérase que o tempo axude para poder celebrar algunha ao aire libre. Fátima Díaz subliña que atopou unha actitude moi favorable no Concello de Guitiriz e na alcaldesa, Marisol Morandeira, e cre que unha experiencia coma a destas xornadas é un chanzo na difusión da vila. «Parga ten moita riqueza, e é importante que se vexa en Europa», afirma. Fala do lugar cunha paixón na que se nota o ADN, pois seu avó paterno, David Díaz, foi presidente da comunidade de montes, unha das cabezas visibles da asociación de propietarios do campo da feira e persoa sempre disposta a apoiar todo o que supuxese recoñecemento para Parga.