Urbanismo ou barbarie

Gonzalo Constenla Bergueiro TRIBUNA ABERTA

DEZA

17 abr 2014 . Actualizado a las 21:45 h.

A chegada de novas malas novas no que di respecto ao urbanismo da Estrada veñen acompañadas doutras que revelan as verdadeiras intencións da dereita estradense sobre o seu modelo urbanístico. Nada novo baixo o sol. Os nosos sempiternos gobernantes levan decadas pondo en práctica un modelo de desenvolvimento territorial e urbanístico que trouxo funestas consecuencias para o noso concello. E non só en termos de configuración de espazos urbanos e rurais, de destrozo do patrimonio e antisustentabilidade, de ausencia de calidade de vida, de deshumanizacion ou de querencia polo propio.

E é que este anuncio que agora chega de varias iniciativas inmobiliarias estaren xa mesmo dispostas a repetir os erros do pasado e de se laiaren dun novo atraso para os seus plans non é máis do que un ?déjà vu? de todos os males que as políticas urbanísticas ultraliberais e curtopracistas trouxeron non só ao noso concello, senón a toda Galiza: especulación do solo, urbanismo depredador, falla de control dos e sobre os poderes públicos, corrupción, encarecimento desorbitado do prezo da vivenda, burbulla inmobilaria, crise e, finalmente, desemprego, pobreza e emigración

Virán agora rosmando que se precisan novas vivendas, cando é evidente o declinio poboacional e o que cómpre son políticas de estímulo ao alugueiro e á rehabilitación; que se crearán máis postos de traballo, cando a realidade nos acaba de mostrar que é todo o contrario; que cantas máis alturas mellor, cando xa sabemos que iso non representa prezos máis baixos pero si menor calidade urbana, convertendo as vivendas e as rúas en gaiolas onde non se ve o sol; que, en fin, os que apostamos no modelo sustentábel non somos modernos nin pragmáticos, cando as nacións europeas máis desenvolvidas e con maior calidade de vida e respecto polo medio ambiente e o patrimonio abofé que o fan.

É certo que moito do mal causado xa non ten remedio, mais aínda estamos a tempo de aprender do pasado e non volver repetir os dramáticos erros cometidos. Claro que xa non lles poderemos legar aos nosos fillos e netos a racionalidade e o sentido común dos nosos antepasados que comezaran a facer da Estrada unha vila agradábel, sustentábel e modernista, en termos paisaxísticos e urbanísticos, pero temos o deber de non a seguir eschapazando e de exixir que, de vez e para sempre, se poña o interese xeral por riba dos intereses particulares, nomeadamente dos dos que queren facer caixa fácil e lucrativa a conta de nos empobrecer, en termos urbanísticos pero tamén económicos, a todos os demais.