A RAG levará o pleno extraordinario de Luísa Villalta ao Teatro Rosalía da Coruña

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004).
Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004). RAG

As alocucións sobre a homenaxeada no Día das Letras, o 17 de maio, correrán a cargo dos académicos Ana Romaní, Margarita Ledo e Euloxio R. Ruibal

17 abr 2024 . Actualizado a las 23:00 h.

A Real Academia Galega celebrará o 17 de maio o pleno extraordinario do Día das Letras que lle dedica a Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004). A sesión pública, de entrada libre ata completar capacidade, terá lugar no Teatro Rosalía da cidade onde naceu e viviu, e que tanta pegada deixou na súa obra. As alocucións sobre a homenaxeada correrán a cargo dos académicos Ana Romaní, Margarita Ledo e Euloxio R. Ruibal. A institución ampliará na súa web, nestas semanas, os contidos divulgativos sobre Villalta con novas e entrevistas relacionadas coas iniciativas que xorden arredor da gran festa da cultura. En academia.gal pódese ver xa a serie documental Luísa Villalta: a rebelión da palabra (unha produción da RAG dirixida por Damián Varela Pastrana); acceder á biografía sobre a autora asinada por Romaní ou descargar as Palabras de Luísa Villalta, con citas das súas obras que a institución está a difundir a través das redes.

Para o público máis novo, a RAG ofrece o portal A Primavera das Letras, onde pode descargarse o conto Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, no que Xoán Babarro e Ana María Fernández achegan de maneira lúdica a xente miúda á escritora. Canda estas dúas figuras de referencia da literatura infantil e xuvenil dende a década dos setenta, traballou poñéndolle imaxes á historia o premio nacional de ilustración Óscar Villán. Na mesma web, coordinada pola académica Fina Casalderrey, atópanse actividades interactivas arredor do universo vital e literario de Villalta, fichas para colorear e ligazóns de interese.

O Portal das Palabras, a web para a difusión do léxico galego que impulsan a RAG e a Fundación Barrié, ofrece tamén unha sección con contidos sobre Luísa Villalta.