Dixitalizando

CULTURA

Día do Gaiteiro en Monforte, nunha foto tomada en agosto do 2009.
Día do Gaiteiro en Monforte, nunha foto tomada en agosto do 2009. Roi Fernández

09 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén dubida que a chamada era dixital supuxo unha gran revolución para todos os aspectos da vida. Cada quen valora a rapidez e a inmediatez coa que se suceden os acontecementos de moi diferentes e contrastados xeitos. Por idade, os que fomos testemuñas de como se foron desenvolvendo, evolucionando ou retrocedendo, algúns deses aspectos quizais sexamos un chisco máis conscientes da velocidade tan vertixinosa na que estamos inmersos e dalgunhas das súas consecuencias.

Nesta terceira revolución industrial todo transcorre nun visto e non visto e non teño moi claro se as sociedades no seu conxunto son capaces de mudar a tanta velocidade. Neste sentido, e levándoo ao terreo da música, un dos fitos relevantes desta revolución foi a transición da música analóxica á dixital. Nos anos 80 aqueles discos de vinilo e as fitas magnéticas de casete foron suplantados da noite á mañá polos discos compactos ópticos de formato dixital. Na actualidade eses mesmos cedés que suplantaron aqueles outros formatos están a desaparecer para ser substituídos polas novas plataformas coas que, aínda sendo dixitais, prescinden do soporte físico.

E eu coa casa ateigada de vinilos, casetes, discos compactos, algunhas vellas fitas magnéticas antigas e ata algunha reliquia de lousa. Moito levo reflexionado e debatido sobre a cuestión e sigo reafirmándome na idea de que atesouro un arquivo de gran valor, polo menos emocional e sentimental. A min resúltame imposible ir á velocidade de como evolucionan os tempos, pero procuro ir trampeando como podo determinadas cuestións para actualizarme na medida das posibilidades coas que conto.

O tempo da pandemia serviume entre outras cousas para clasificar moito do material musical que tiña pola casa. Descubrín aquelas gravacións de campo que fixen en fitas casete nas que recollín centos de músicas a gaiteiros e músicos tradicionais. Moitos daqueles homes e mulleres xa non están e con eles desaparece o seu legado. Grazas á tecnoloxía estou agora dixitalizando aquelas gravacións que nas fitas magnéticas corrían o risco de se estragar. Deste xeito, poderán pervivir para continuar o transcurso da oralidade como corresponde.