A RAG publica unha selección de fotografías da escritora Pura Vázquez na véspera do seu aniversario

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

RAG

Trátase de 67 imaxes procedentes dunha doazón realizada por Luís Alonso Girgado no 2006

27 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo domingo terá lugar o aniversario da poeta e narradora ourensá Pura Vázquez (31 de marzo de 1918-25 de xullo de 2006). Con motivo da efeméride a Real Academia Galega (RAG) acaba de publicar en Galiciana- Arquivo Dixital de Galicia unha escolma de imaxes da colección que a institución posúe da autora. Trátase de 67 fotografías procedentes dunha doazón realizada por Luís Alonso Girgado no 2006. A mostra constitúe unha sorte de biografía dunha autora de vida itinerante, entre Galicia, Venezuela e Madrid, que foi quen de manter unha longa e intensa actividade creativa en condicións adversas, e de se relacionar estreitamente cos principais círculos intelectuais do seu tempo.

Pura Vázquez, membro correspondente da RAG, foi autora dunha vizosa obra bilingüe, en galego e castelán, que se estende ao longo de máis de corenta títulos e seis décadas de escritura. De formación autodidacta, foi no Instituto do Posío de Ourense, onde coñece a Otero Pedrayo, quen facilitou as súas primeiras colaboracións en prensa no xornal La Zarpa, fundado polo líder agrarista ourensán Basilio Álvarez.

Desde este momento, Pura Vázquez publicou artigos de xeito constante na prensa do seu tempo, tanto na de carácter xeral galega ou española. Logo da guerra civil, z rematou Maxisterio en Ourense e emprendeu o seu periplo como docente en diversos lugares, entre eles Madrid, onde entra en contacto cos círculos literarios da capital. En 1955 emigra a Venezuela onde permanecerá ata oito anos en total en tres etapas diferentes da súa vida. Establecida en Madrid tras a súa volta, regresa de xeito definitivo ao seu Ourense de nacemento no ano 1992.

Malia cultivar todos os xéne.ros literarios, Pura Vázquez é recoñecida sobre todo polo seu labor como poeta, que principia moi cedo, coa publicación, xa en 1943, de Peregrino de amor, poesía en castelán e en galego, á que seguirá Íntimas, editada por Xistral en 1952, a colección dirixida por Manuel María e Ánxel Johan. Este libro, canda O paxaro na boca, de Luz Pozo, foi o primeiro de autoría feminina publicado despois da Guerra Civil.