«Unha inimiga do pobo», de Talía Teatro, coróase nos María Casares 2024

Alejandro García Chouciño
A. G. CHOUCIÑO A CORUÑA

CULTURA

Os premios do teatro galego recoñeceron a traxectoria de María Barcala

22 mar 2024 . Actualizado a las 12:19 h.

Unha inimiga do pobo alzouse onte con sete dos grandes galardóns —optaba a nove— dos XXVIII Premios de Teatro María Casares. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), recoñeceu esta peza de Talía Teatro cos premios a mellor espectáculo, adaptación, actriz protagonista (Marta Lado), actor secundario (Toño Casais), espazo sonoro e iluminación. «Son moi feliz traballando con vós. Sodes unha familia. Grazas a Tito Asorey e a todos. Tocoume un peixe grande. Interpretar a esta heroína era un reto enorme», salientou Lado tras coller o galardón a mellor actriz.

A peza, que reflexiona sobre como a sociedade prioriza uns intereses sobre outros e sobre a idea de progreso, tamén gañou o premio a mellor dirección para Tito Asorey. Non obstante, foi un galardón compartido con Quico Cadaval, por O auto do Castromil. Quico bromeu ao ter que subir despois do discurso de Vanesa Sotelo —Tito non puido acudir a gala—. «Non o esperaba. Despois do discurso de Vanesa xa perdera as esperanzas. Polo tanto non o teño preparado», sostivo o director.

O auto do Castromil tamén obtivo o galardón a mellor vestiario. Tamén logrou dous María Casares a obra Deadpan karaoke (maquillaxe e espazo sonoro). Pérez&Fernández coa súa obra Nanai da china gañou na categoría de monicreques, obxectos e figuras animadas. No apartado de espectáculo infantil, foi a compañía Caramuxo Teatro quen triunfou por segundo ano consecutivo coa súa peza Crisálida. A relación de espectáculos premiados completouse con catro obras que gañaron un galardón cada unha: Códice K, de Ainé Teatro (texto orixinal para Manuel Cortés); Shakespeare en Roma, do Centro Dramático Galego (actor protagonista para Toni Salgado); Entrega en man, de Contraproducións (actriz secundaria para María Roja) e Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego (dirección de movemento para Gonçalo Guerreiro e María Torres).

María Barcala recibiu o galardón de honra Marisa Soto, co que a profesión recoñece o labor de persoas ou institucións a prol do sector escénico. «Usamos o tempo para medir a vida, pero, para quen somos actrices ou actores, o tempo ten un significado distinto, pois que só é importante o aquí e o agora en toda a súa intensidade. Desde ese punto de mira podo dicir que a miña vida foi sempre moi intensa pois, desde hai corenta e cinco anos, estiven sempre acompañada da vida doutras mulleres que petaban nas miñas entrañas para utilizar o meu corpo, a miña voz, as miñas emocións, e así agromar», salientou Barcala.

Reivindicacións sociais

A gala de entrega non estivo exenta de reivindicacións. Moitos dos galardoados amosaron o seu rexeitamento ao proxecto da papeleira Altri en Palas de Rei. Tamén houbo discursos que buscaron concienciar sobre o cambio climático, a contaminación dos microplásticos, o acoso ou a guerra. «O 77 % da profesión da interpretación de todo o estado español ingresa menos de 12.000 euros anuais polo seu oficio. Esa é a cifra que nos chanta á cara o Estudio Socioeconómico de AISGE do 2023. Outro resultado: o 72 % da profesión da interpretación, é dicir de nós, atopámonos baixo o limiar da pobreza. E só unha porcentaxe máis deste estudo: os ingresos das actrices resultan un 40 % inferiores aos dos actores», lamentaba Arantza Villar, presidenta da AAAG.

A gran noite do teatro non foi solo un desfile de discursos. Tamén houbo actuacións en formato musical para renderlle tributo a este xénero. Alba Tojeiro, Germán Prenta, Iván L. Estévez, Iván Márquez, Mario Lagoas, Rocío Salgado e Verónica Peiteado conformaron o elenco. Sara Fandiño asinou tanto a música como a letra dos temas e contou coa colaboración de Alexandro González para a orquestración e mais os arranxos.