Tito Asorey estrea a súa nova comedia negra «Go Home» en marzo na Estrada

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Os actores David Amor e Josito Porto, protagonista de «Go Home».
Os actores David Amor e Josito Porto, protagonista de «Go Home».

Obra comprometida coa realidade, trata sobre o turismo e a xentrificación en Galicia

12 feb 2024 . Actualizado a las 21:29 h.

O actor, director de escena e dramaturgo Tito Asorey (Ourense, 1977) estrea a súa nova comedia negra, Go Home, o próximo 21 de marzo no teatro Principal da Estrada. Anuncia ademais as primeiras datas da súa xira por Galicia, con parada no teatro Colón da Coruña o 1 de maio —a onde chega no marco do Encontro Mundial de Humorismo—. As entradas xa están á venda na web Ataquilla.com. Tamén están programadas funcións en Viveiro e Noia, dispoñibles proximamente, e deseguida se coñecerán novas representacións.

A peza —protagonizada por David Amor e Josito Porto, escrita por José Prieto e producida por Etiqueta Negra— é unha obra comprometida coa realidade e que trata sobre o turismo e a xentrificación. Porque Go Home «observa o mundo cara a cara», di a produtora. Narra a historia de David, un fanático das viaxes que xa viviu todos plans que as axencias de turismo lle poden ofrecer. Ou iso pensaba. Unha aventura sorpresa que o leva a pasar a noite no Cebreiro é o punto de partida dunha peripecia na que o protagonista gozará de intensas emocións.