A festa Amergin de poesía atlántica unirá literatura, arte, natureza e historia

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Os organizadores presentaron este martes a festa Amergin, que conta cun cartel deseño de Xosé Barro.
Os organizadores presentaron este martes a festa Amergin, que conta cun cartel deseño de Xosé Barro. Marcos Míguez

Recitais, roteiros e intervencións afondarán nas relacións culturais entre Galicia e Irlanda

20 jun 2023 . Actualizado a las 21:04 h.

«Eu son o vento mareiro

Eu son o golpe de mar

Eu son o océano que brúa

eu son o cervo dos sete combates

Eu son o falcón no cantil

Eu son a pinga que escintila na alborada».

Así soan en galego os primeiros versos da canción de Amergin na versión de Manuel Rivas. O escritor é un dos participantes na segunda edición da festa da poesía Atlántica que toma o seu nome deste pesonaxe lendario da cultura irlandesa, de quen se di que chegou á illa procedente da Coruña e que entoou o seu himno nada máis pisar terra firme. O encontro, que se celebrou por vez primeira na Coruña no 2019, retoma a súa actividade logo da pandemia cun programa que une literatura, arte, natureza e historia, no marco das relacións culturais entre Galicia e Irlanda.

Esta nova convocatoria volverá a celebrarse na Coruña coa organización das asociacións Alexandre Bóveda, Xuntas polas Artes e In Nave Civitas. Dalgún xeito, é unha formulación dende a beira galega do océano da festa que se celebra dende hai anos na vila irlandesa de Waterville, que fai coincidir o seu evento poético co solsticio de verán. En Galicia, dado arraigo e popularidade da celebración do San Xoán, a festa Amergin busca outras datas no calendario para complementar a conmemoración local do solsticio, e desta vez sera os días 30 de xuño e 1 de xullo, segundo explicou este martes Antonio Sandoval, quen presentou as actividades canda Manuel Rivas, María Xosé Bravo e Teresa Ramiro.

O venres 30 o local da asociación Alexandre Bóveda acollerá unha conferencia ás 19.00 horas de Mónica Vázquez Pozo na que contrastará a historia e a literatura de Irlanda e Galicia, seguida dunha mesa redonda titulada Poesía e natureza en Amergin na que falarán o xornalista irlandés Anthony Quinn, o director do Instituto de Estudos Irlandeses Amergin da Universidade da Coruña, David Clark; o profesor emérito desta universidade, Antonio de Toro, e mais Antonio Sandoval. Para facer esa lectura do célebre poema coa lente da natureza, Sandoval equipara os versos de Amergin cun tótem, cuxa análise é especialmente pertinente nun intre no que se está a «refundar» a visión da natureza. «É un poema tremendamente moderno se o vemos dende esa perspectiva», defende Sandoval, quen coincide con Rivas en definilo como unha obra «transtemporal».

O sábado 1 a festa empeza cun roteiro arredor da torre de Hércules ás 19.00 horas, guiado por Sandoval e coa participación de Xosé Alfeirán e Ana Santorum. Unha actividade libre pero con prazas limitadas, polo que cómpre inscribirse na web da asociación Alexandre Bóveda. A seguir, ás 21.00 horas, na praia do Areal ou das Lapas, lerase o poema de Amergin en galego por Rivas e en gaélico por Quinn, para dar paso a un recital no que participan Rodrigo Osorio, Laura Rei Pasandín, Ana Fernández Melón, Antom Laia e Teresa Ramiro. Pola parte artística haberá intervencións de Correa Corredoira, Pilar Silva e Roberto Castro, xunto coa fotografía do colectivo Ollo de vidro. Tampouco faltará a música, que correrá a cargo do gaiteiro Xosé Manuel Sánchez Rei e a cantante Belén Tajes. A velada rematará co solpor ás 22.16, hora na que se despedirá o día con música.